O festival Solpor regresa ao miradoiro de Monteferro coas mellores bandas da comarca

O Concello de Nigrán regresa ao mellor escenario do mundo, o miradoiro de Monteferro, para abrir a programación de verán coa quinta edición do festival Solpor os días 2 e 3 de xullo tras o ano 2020 no espazo público de Gaifar. “Isius” e “Eladio y los Seres Queridos” no primeiro día á tardiña (19:00 horas) e “Roma”, “Tinta” e “Bafana Bafana” no segundo, serán os protagonistas deste Solpor con aforo limitado a 500 persoas mediante inscrición previa en atencioncidada@nigran.org antes do xoves 1 de xullo ás 13:00 (máximo de dúas entradas por solicitude e indicando para qué día ou días sería, nome e apelidos dos asistentes e teléfono de contacto). O festival conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.

“Tras unha edición no 2020 en Gaifar por cuestións de normativa sanitaria, agora regresamos ao mellor escenario do mundo, o que motivou este festival e do que estamos tan orgullosos. Agardamos que no 2022 a normalidade sexa completa e, con elo, o aforo regrese ao anterior á pandemia”, afirma Juan González, alcalde de Nigrán, quen subliña o outro obxectivo co que naceu Solpor: “apoiar aos mellores músicos da escena local e galega ofrecéndolles o noso mellor escenario e o máis agardado polo público”. “A situación do mundo da cultura é moi complicada agora mesmo e desde o Concello somos conscientes, por iso seguimos apoiando con máis forza a súa presenza na programación de verán”, reafirma Juan González, alcalde de Nigrán.

Tal e como xurdiu no 2017, o obxectivo é gozar da música ao aire libre nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permitirán vivir realidades musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo.

Solpor Monteferro é unha experiencia musical para gozar sen présa e cos cinco sentidos. Un ano máis, a cervexeira Alhambra colabora con este evento, que xa forma parte de “Momentos Alhambra” ao desenvolverse nun espazo máxico que convida a saborear as súas cervexas ao compás das mellores propostas musicais.

O Concello de Nigrán, xunto a Deputación de Pontevedra, quere con este evento promocionar e poñer en valor un espazo tan espectacular como Monteferro ao tempo que ofrece aos grupos locais e emerxentes unha oportunidade de promocionar o seu traballo no mellor dos escenarios posibles. “Desde o goberno local apostamos desde sempre por concertos ao aire libre en lugares de indubidable encanto, como xa é o Nigranjazz na Foz ou como Vive Nigrán en Praia América-Lourido ou Sona Gaifar en Panxón. Os “Solpores” veñen para quedarse no noso calendario estival.

VENRES 2, DENDE AS 19:00 HORAS

Eladio y Los Seres Queridos

No 2020 Eladio y los Seres Queridos cumpriron 15 anos de carreira con 5 discos, xiras por todo o país en diferentes festivais e salas e manténdose sempre fieis ao seu particular estilo que lles permite ser, a día de hoxe, unha das bandas mais estables do panorama musical español.

Este talento recoñecéuselle en diversas ocasións, ao longo destes anos, con nomeamentos e premios tanto a nivel galego como estatal; proclamándose gañadores do Premio Maketón Os 40 Principais 2011 a Mellor Disco por Están Vostedes Unidos, Premio Martín Códax dá Música Galega a Mellor Grupo Indie/Pop en 2013 e 2018 e Premio MIN da Música Independente 2017 a Mellor álbum en galego por Cantares.

ISIUS

Despois da gravación do primeiro traballo de ISIUS, Songs From Everywhere (Ernie Records 2019), José empezou a buscar entre amigos e coñecidos de Vigo a xente que soubese tocar e que lle puidesen acompañar nunha serie de concertos de presentación do seu primeiro traballo. Desta forma, e gradualmente, fóronse incorporando Tole, Carlos, Edu e Roberto, e os cinco empezaron a quedar os xoves para preparar os directos.

As cancións de Fox & Castle son autobiográficas, e narran unha vez máis experiencias persoais de José. “Basicamente neste disco poño a todo o mundo a parir, poño a caldo a xente que me cae francamente mal e leva tempo facéndome a vida imposible (‘You’re such a Jerk’, ‘On Your Bike’, ‘ Dead From The Neck Up’). Falo tamén da importancia da asertividade e o autocontrol (‘Come On Over’, ‘Say Non’), e ‘71. Under’ é a miña particular homenaxe ao neno Julen, morto nun pozo en Totalán, e cuxa historia me afectou moitísimo”.

ISIUS volverá sacar este novo traballo co selo discográfico independente Ernie Records, que distribuirá Fox & Castle nas principais plataformas de música dixitais. Ademais, Ernie tamén publicará unha edición especial de 300 copias de Fox & Castle en vinilo.

SÁBADO 3, DENDE AS 19:00 HORAS

ROMA

Roma comeza a súa actividade musical antes de aprender a falar e os seus xogos infantís vanse convertendo en cancións, en poemas, en historias que contar.

En 2003 grava xunto a Amaro Ferreiro a súa segunda maqueta “CONTOS PARA NENOS MORTOS”. Ofrecen algún que outro show do proxecto “AMARO E ROMA” en Vigo e O Val Miñor.

Despois de una tempada en Madrid, en 2015, grava un Ep. “YOROMA” e vira as novas cancións por Bos Aires acompañada por Martín Contreras, baixista e guitarrista rosarino entre ese ano e o seguinte. Entre 2017 e 2018, instalada xa en Nigrán, leva a cabo unha mini xira de concertos “YOROMA” acompañada por “AS OVELLAS NEGRAS” (Tola, batería; Alejandro Galanski, ventos; Alexis, baixo; Guille, guitarra solista) coa gravación do corte “MULLER FONTE” baixo a produción de Javier Abreu. Actualmente Roma dirixe a proposta artística ЯOMA _VIRANDO _ the full artist behind the name.

TINTA

O grupo Tinta, coa vocalista Marta Vidal á fronte, foi o gañador do concurso “Vigo en Vivo”, un galardón que é un merecido premio ao talento que demostra esta nova banda de futuro prometedor. O mellor escenario do mundo, Solpor Monteferro, aspira a ser unha cita para non perderse aqueles que gustan de descubrir novo talento, e Tinta son iso, quilates de talento, unha aposta pola música interpretada con gusto, estupendas cancións, o presaxio dunha estrela, de que o mellor está por vir, así que gozar da súa maxia e únanse a estes primeiros crentes de fans.

BAFANA BAFANA

Mentres todo o país celebraba a vitoria do combinado nacional no mundial de fútbol surafricano, Juanjo Treus estaba atarefado recrutando a catro músicos cuestionablemente competentes, aínda que simpáticos e ben parecidos, para acompañarlle no libre desenvolvemento da súa faceta como crooner. Esta pintoresca formación non tarda demasiado en deixarse ver por diversos clubs de jazz e músicas cultas, derivando a súa inicial proposta e compoñentes ao longo dos anos ata o que a día de hoxe coñecemos como Bafana Bafana: un grupo fresco, desenfadado, ecléctico, xuvenil, que revisa sen pudor as cancións en castelán máis charramangueiros e bailables, interactuando animadamente co seu apaixonado público, que acaba sendo o sexto compoñente do conxunto.