Baiona acolleu a entrega de premios do certame de poesía escolar Beatriz da Serra

Os Xardíns da Biblioteca Municipal de Baiona acolleron este venres a entrega dos premios do certame escolar de Poesía Breve Beatriz da Serra. Este certame convocouse por primeira vez o pasado ano 2020, mais por mor do estado de pandemia e confinamento, non puideron ser entregados os premios nun acto público. Mais este ano poderemos coñecer o alumnado gañador dos dous certames celebrados e escoitar os seus poemas, acompañados da música de Luís “O Caruncho” que realizará varias interpretacións de poemas galegos.

O certame naceu da man dos Equipos de Normalización Lingüística do IES Terra de Turonio e do IES Escolas Proval, aos que este ano se uniu o Equipo do CEIP Carlos Casares. “O motivo que nos levou a convocar este certame é o desexo de permitir agromar o potencial poético que constatamos no noso alumnado, ao tempo que fomentamos o uso da lingua galega entre os rapaces e rapazas dos nosos centros educativos, integrados na comarca máis desgaleguizada do noso país”, lamenta Vanesa Vargas, mestra e coordinadora do EDLG do CEIP Carlos Casares de Vilariño.

Por iso bautizaron este certame co nome dunha muller baionesa que, na peor época histórica para a nosa lingua, ditou as súas cartas ao Conde de Gondomar en galego, sen saber que as súas palabras se converterían nun documento precioso para coñecer a nosa lingua, na súa variante miñorá, no século XVII. “Nestes dous anos contamos coa colaboración do profesorado de diferentes centros do Val Miñor como xurado do certame e sobre todo coa participación do alumnado, motivado polo seu profesorado. A todos eles queremos expresar o noso agradecemento”.

Os poemas premiados en 2020 foron publicados grazas á colaboración das Concellarías de Igualdade de Baiona, Cultura de Nigrán e Educación de Gondomar, correspondendo este ano a acollida do acto de entrega á Concellería de Igualdade do Concello de Baiona. Os poemas da presente edición será maquetados pola Escola Obradoiro de Deseño e impresos pola Deputación de Pontevedra. “A todas as institucións e aos nosos propios centros queremos agradecerlles a colaboración prestada”.

Este venres, escoitáronse en Baiona os poemas premiados que corresponden a:

MODALIDADE A:

Certame 2021:
● 1º Premio: Adriana Gómez Rodríguez, alumna do CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), polo seu poema “Os paxaros”.
● 2º Premio: Laura Burgo Rosendo, alumna do CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), polo seu poema “O mar”.

Convocatoria 2020:
● 1º Premio: Iria Pazos Aniorte, alumna do CEIP Carlos Casares, polo seu poema “Paisaxes esquecidas”.
● 2º Premio: Noa Sabín Cardoso, alumna do CEIP Carlos Casares, polo seu poema “Paxariños”.

MODALIDADE B:

Convocatoria 2021
● 1º Premio: Isis Acea Portabales do IES Escolas Proval de Nigrán polo seu poema “Ausencias”.
● 2º Premio: Lucía Martínez Otero do IES Terra de Turonio de Gondomar polo seu poema “Inspiración”.

Convocatoria 2020:
● 1º Premio: Iria Ludeña Pérez do CPI Covaterreña polo seu poema “Unha gaiola de 50 paxaros”.
● 2º Premio: Irene Pérez González do IES Terra de Turonio polo seu poema “Pombas e rulas”.
● Mención especial: poemas “Abismo” e “Atentamente, eu” de Iria Ludeña Pérez.

MODALIDADE C:

Convocatoria 2021
● 1º Premio: Sara Chamadoira Jordán do IES Terra de Turonio de Gondomar polo seu poema “Fuxe das sombras”.
● 2º Premio: Jimena Costas Misa do IES Terra de Turonio de Gondomar polo seu poema “Música das follas”.
● Mención especial: poema “ 19.5.2003”, de Paula Álvarez do IES Terra de Turonio de Gondomar.

Convocatoria 2020:
● 1º Premio: Clara Rey Barona do IES Escolas Proval polo seu poema “Dor”.
● 2º Premio: Helena Iglesias Cabral do IES Escolas Proval polo seu poema “Tan só morren os do primeiro mundo?”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.