O “Baiverán 2021” ofrecerá 50 días de ocio e cultura

O Concello de Baiona presentou este venres a programación “Baiverán 2021” que organiza a Concellería de Cultura. Mantendo o slogan do ano pasado, “Refúxiate na cultura”, o obxectivo é desfrutar de forma segura nestes momentos de desescalada, mantendo o Parque da Palma como epicentro pero adiantando o horario ás 21:00 horas, agás o “Cine na Rúa”, que será na Praza do Concello ás 23:00 horas. Este ano ademais da Praza Victoria Cadaval de Sabarís, haberá na parroquia de Baredo algunha das actuacións musicais como algunha sesión de cine. Desta forma pouco a pouco vanse descentralizando as actividades e acercándoas ás parroquias en lugares que reúnan os requisitos necesarios para cumprir con todas as medidas de seguridade.

Como outra novidade teremos dous concertos no Xardín da Biblioteca. En xullo co cuarteto de saxo “Lítore Quartet”, do que forma parte o baionés Jaime Estévez, que comeza a súa andadura polo mundo dándose a coñecer e xa con premios recoñecidos a pesar da xuventude dos seus compoñentes. En agosto outro grupo composto por grandes veciños, “Rock que Mola”, con música dos 50/60. Tamén se utilizará a Praza de Santa Liberata para que os grupos folclóricos da vila poidan deleitar ao público coas súas actuacións. A Seneira, Escola de Danza Vila de Baiona e Ardelume.

A conselleira de Cultura, Miriam Costas, quixo destacar a programación infantil deste verán. “Como xa se explicou cando se presentou o festival de maxia desta fin de semana, seguimos valorando o comportamento dos cativos e por iso ademais das sesións de cine familiar dos martes, os mércores alternaremos espectáculos familiares, como “O show de Fifo/Paio e o poder da música” e o Mago Cayetano LLedo con Titanic, con monólogos, onde contaremos con monologuistas de sobra coñecidos como o noso veciño Rafa Durán, Danny Boy, Oswaldo Digón e David Amor”.

Os concertos centraranse nos xoves, empezando cos irmáns Pacheco para ter despois un tributo a Jimi Hendrix, continuar con Cherry Sweet e para tocar todos os ámbitos musicais de todos os públicos Fresquito e Mango para terminar con Xente Tóxica.

No mes de setembro a Aula de Teatro de Baiona e o grupo “Non Si, Teatro” dirixidos por Mónica Sueiro, cumpren 15 anos de vida e o Concello quere celebralo cunha semana dedicada a eles con o “Baiescénica”. Dentro desta programación haberá de todo: un día dedicado a Breveescénica en distintos enclaves de Baiona, teatro en el Auditorio de Centenario e no Parque da Palma, exposición no hall do Concello da mostra de cartelería de teatro nas paredes e a estrea da súa ultima obra.

Por terceiro ano consecutivo, en setembro terá lugar o“Barbeira Season Fest”, un festival que chegou con ganas de quedarse. O primeiro día do festival, o venres, será gratuíto co concerto de “Baiuca”. Ademais ponse en marcha un novo festival que nesta primeira edición organiza o Concello. “La Recta”, un festival de música dos oitenta onde rememorar a época da recta en Baiona con grupos desa década. Será de entrada gratuíta pero con control de aforo.

Este verán haberá dúas semanas moi potentes, a primeira en xullo desde o 22 ata o 25, dedicada á nosa terra e a nosa cultura, comezando co concerto de “Tres Pesos”, e seguindo o día 23 co prato forte, “Guadi Galego”. O 24 nan Praza de Santa Liberata poderase desfrutar da Escola de Danza Vila de Baiona e A Seneira. O día 25 tamén en Santa Liberata pero en sesión de mañá o grupo de integración Ardelume.

A segunda semana potente é da “A Anunciada”. As festas comezarán o xoves no escenario da Palma cun tributo a Sabina. O venres xa no escenario que se monte nas canchas como era habitual teremos ao grupo “Efecto Pasillo” para a xuventude, o sábado xa pensando nun público mais xenérico o grupo “Sober” e o domingo como espectáculo final pensando nos máis pequenos Gisela co seu espectáculo “Kids”.

Os martes volverá “O falar das pedras”, que pasa da Biblioteca ao Multiusos de Sabarís, ás 20:30 horas, comezando cunha conferencia a cargo de Fernando Bartolomé sobre “1585. Drake, Baiona… e o Conde de Gondomar”. Non podemos esquecernos das exposicións, na Capitanía Marítima e no Multiusos de Sabarís.

“Creo que este ano teremos un verán moi completo de todo para todos. Espero que o desfrutemos pero que recordemos que a pandemia non acabou, que entre todos podemos conseguir que non teñamos que retroceder, sexamos sensatos, aceptemos as normas que nos poñan, colaboremos e teremos un marabilloso verán que seguro que será a fin desta pandemia”, concluíu a concelleira de Cultura.

PROGRAMACIÓN BAIVERÁN 2021

XEIRAS DO IEM