Alcaldes e alcaldesas do Camiño Portugués da Costa xúntanse para poñer en valor e defender este itinerario Xacobeo

Na xornada deste venres a Casa dos Alonsos acolleu unha xuntanza na que participaron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a Alcaldesa de Oia, Cristina Correa; a Alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández e o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba.

O motivo desta reunión foi o de poñer en común a situación do Camiño Portugués da Costa na súa entrada en Galicia dende territorio portugués, tendo en conta que en certas publicacións non se está a fixar o itinerario correcto, o que motiva que boa parte dos peregrinos non circulen pola ruta recoñecida e promovida oficialmente. Tamén abordaron as dificultades que se atopan os peregrinos para cruzar o río Miño e as posibles solucións.

Por este motivo os alcaldes e alcaldesas acordaron a petición dunha xuntanza coa directiva do Xacobeo para transmitirlle a problemática xurdida en relación co Camiño Portugués da Costa, así como a toma de medidas para evitar que non se volvan a empregar itinerarios non oficiais en publicacións. Así mesmo solicitaron unha xuntanza da Mesa do Camiño da provincia de Pontevedra para apoiar as súas demandas.

Os alcaldes e alcaldesas entenden que o máis urxente e buscar solucións a curto prazo para resolver o problema do transporte de pasaxeiros entre Caminha e A Guarda, para dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa no seu paso polo Esteiro do Miño.