Fin de semana cultural en Chaín con motivo da celebración da Virxe da Merced

Con motivo da celebración da Virxe da Merced en Chaín, e debido ás circunstancias que estamos pasando por mor da pandemia, o Centro Cultural reformula a idea de “festa” e convérteo nunha fin de semana cultural, organizando un programa apto para todas as idades, tanto pola diversidade de actuacións como polo horario.

O sábado 26 de xuño ás 19:30 horas se inaugurará a exposición de pinturas dun novo talento veciño de Chaín, Elio Salgueiro. Ademais de ver as súas obras de arte, tamén se poderá falar con el do seu traballo, observar como pinta, ver proxeccións de como lle da forma ás súas pinturas e unha simpática stop motion creada por el. A mostra estará o sábado ata as 23:30 horas e o domingo de 11:00 a 14:30 e de 18:00 a 22:30 horas.

Ás 20:30 horas, o Grupo de Gaitas Ecos e Agarimos do C.C.V. de Peitieiros actuará para dar comezo a un serán cheo de boa música, que rematará coa actuación do grupo La Patrulla, que chega dende Baiona cun concerto que levará aos asistentes de viaxe polo mellor pop e rock de todos os tempos.

Xa no domingo, día 27, a Banda da Agrupación Musical de Vincios amenizará a mañá cun gran concerto que contará con dúas partes, unha ás 12:15 horas e outra ao finalizar os actos litúrxicos na honra da Virxe da Merced, que comezarán ás 13:00 horas. Xa á tardiña, ás 19:30 horas, o Grupo de Corda Airiños do Mar de Teis levarán o mellor repertorio de cancións populares coñecidas por todos. E xa para rematar, ás 21:00 horas, o gran humorista e actor Pepo Suevos contará moitas cousas que lle pasaron.

Seguindo a normativa imposta pola Xunta, o espazo do público estará delimitado, será obrigatorio o uso de máscara e manter as distancias interpersoais.