O PP de Nigrán reclama un reforzo dos servizos que se prestan na zona de praias durante o verán

O PP de Nigrán presentará no próximo pleno unha moción para que o goberno municipal reforce e mellore os servizos públicos na zona de praias, sobre todo as fins de semana. Empezando polo servizo de socorristas, que debería estar operativo de xuño a setembro, e mellorar o sistema de megafonía para que “se escoite de verdade en todas as zonas das praias”, ademais de dotalos adecuadamente dos medios técnicos e de mobilidade adecuados á contorna, o que permitiría ampliar a oferta turística dos areais, moi centrada nos meses de xullo e agosto.

Segundo os populares, o Concello debería programar unha parte relevante dos eventos públicos nos meses de xuño e setembro para “alargar o tempo de oferta turística” e con iso colaborar de forma significativa á mellora económica no emprego e actividade dos servizos turísticos tan prexudicados pola pandemia. Dentro das liñas de mellora, está a recollida de residuos e limpeza viaria e de praias durante a madrugada do domingo, “xa que o espectáculo de papeleiras desbordadas e lixo pola praia, que xa se está vendo en xuño, é aínda máis evidente en xullo e agosto”.

O PP cre que tamén debería reforzarse a hixiene dos baños públicos situados nas proximidades das praias, en función das previsións de afluencia, de forma que se limpasen polo menos dúas veces ao día para evitar imaxes como as que acompañan este texto tomadas o domingo 13 de xuño sobre as 14:00. “Un Concello como Nigrán con algunhas das mellores praias do litoral de Galicia require un coidado adecuado e unha estratexia de mellora que permita gozar aos visitantes e veciños dunhas praias limpas e cuns servizos á altura”.

Doutra banda, consideran que deberían realizarse campañas de concienciación do uso das duchas e servizos públicos, con carteis informativos que apelen á responsabilidade cidadá e conciencia medio ambiental no uso da auga. En numerosos países de Europa, sobre todo do Norte, os municipios non poñen contedores e papeleiras nas zonas medioambientalmente comprometidas, prefiren ensinar desde nenos a que “todo o que leves, tráeo de volta”, e dese xeito evitar ter que recoller ese lixo das zonas que nunca deberían tela, á parte do penoso impacto visual que supón unhas papeleiras nas praias ou noutras zonas da natureza.

“Certo é que no noso país aínda estamos lonxe dese paradigma, pero non viría mal que a través de carteis con mensaxes e pictogramas que apelen á conciencia ambiental de cada un poderíase aos poucos ir conseguíndoo. Neste caso a orixinalidade, a empatía e a simpatía, por exemplo, realizando concursos orientados a fomentar esa cultura entre os máis pequenos, ten un efecto tractor moi importante sobre os seus proxenitores, xustamente nesa liña está a traballar a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, fomentando a formación ambiental xa desde primaria, e coa que se podería colaborar activamente”, apuntan os populares.

Para o PP tamén se deberían delimitar as zonas de Rede Natura, con carteis informativos in situ, para que os visitantes tomen conciencia e respecten os ecosistemas que se queren preservar, e ter un servizo de recollida de mostras e realización de analíticas de auga semanal, sobre todo nos afluentes de auga que chegan ás praias para evitar intoxicacións e co fin de atopar e sancionar aos responsables das verteduras descontroladas que por desgraza séguense producindo todos os anos.

“Pero para todo isto primeiro hai que preocuparse e despois ocuparse diso Sr. González, os veciños e visitantes de Nigrán merécense uns bos servizos nunhas praias limpas e seguras”, conclúen os populares.