Nigrán manterá pechadas todas as súas praias durante a noite de San Xoán

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Dispositivo de seguridade durante a noite de San Xoán en Panxón.

O Concello de Nigrán repetirá un dispositivo de seguridade moi similar ao do ano pasado para impedir que se celebren as tradicionais cacharelas de San Xoán en Praia América-Panxón e nos diferentes areais do municipio. Desde xeito, as praias serán desaloxadas polas forzas de seguridade ás 21:00 horas do 23 de xuño e quedarán precintadas ata as 8:00 horas do 24 de xuño, manténdose durante toda a noite a vixilancia. Igualmente, durante todo o día 23 non se permitirá a entrada con bebidas alcohólicas ou calquera elemento para facer fogueiras. A tal efecto, o Concello de Nigrán vén de publicar un bando.

“Todas as medidas de seguridade sanitaria establecidas por mor do Covid-19 e o propio sentido da responsabilidade impiden que este ano retomemos as tradicionais cacharelas que cada ano confecciona o Concello en Panxón e tampouco haberá verbena”, xustifica o alcalde, Juan González. “Este evento reúne a miles de persoas, é o máis multitudinario de Nigrán, e aínda que a situación mellorou moito con respecto a 2020 aínda non é o momento, agardamos que en 2022 si sexa xa posible. Agora toca festexalo no eido privado que xa é algo máis que en 2020, cando absolutamente todas quedaron prohibidas. Paciencia, cariño e calma porque imos no bo camiño”, engade. Así, desde o Concello de Nigrán outorgáronse 56 permisos a particulares, revogándose dous que pertencían a asociacións ao prohibir a Xunta calquera fogueira en espazos públicos.

Actividades paralelas

O Concello ofrece unha programación alternativa para este día festivo de gran raigame en Panxón que se encadra no programa municipal “Música nas Parroquias”, creado desde o goberno local para manter a esencia das festas patronais de cada parroquia ao non terse constituído a maioría das comisións. Por unha banda haberá un show infantil do Rey Midas o mércores 23 ás 19:00 horas no Paseo Marítimo de Panxón e ás 22:30 será o concerto estelar do recoñecidísimo grupo vigués Broken Peach no espazo deportivo Dunas de Gaifar (entrada de balde ata completar o aforo). Podería dicirse que son unha banda, podería dicirse que son un coro, ou podería dicirse que son un espectáculo para nenos e adultos… e a verdade, podería dicirse que son un pouco de todo. Crean unha nova forma de fusionar a música co espectáculo tentando desmarcarse das típicas bandas de versións, dándolle un toque persoal a cada un dos temas que interpretan. A formación de Broken Peach consta de 4 voces femininas, batería, baixo, guitarra/piano. Unha das súas mellores bazas é ter unha estética tan elegante como extravagante que sitúan ao espectador en diferentes épocas e ambientes. O seu eclecticismo musical viaxa desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, funk, pop, etc.

Ao día seguinte, xa día de San Xoán, patrón de Panxón, o Concello ofrece ás 13:00 horas no peirao un concerto a cargo da Banda de Música do Val Miñor.