Iván Martínez, novo presidente do Banco de Alimentos de Vigo

Iván Martínez é o novo presidente da Fundación Provincial Banco de Alimentos, substituíndo así ao ata o de agora máximo responsable, Pedro Pereira, quen estivo no cargo durante case unha década. Así o acordou o padroado da entidade durante unha asemblea celebrada na nave de Lavadores e na que tamén se nomeou como vicepresidente ao patrón Apolinar Quinteiro, máis coñecido como Polo, actual encargado de almacén e vinculado ao labor humanitario desde os seus inicios.

Foi o ata o de agora máximo responsable da ONG, Pedro Pereira, o encargado de materializar este traspaso da Presidencia a Martínez quen a asume con “gran responsabilidade” e “enorme compromiso”. Agradecendo o labor incansable de Pereira, todo un referente solidario para el, Martínez asegurou que o seu obxectivo pasa por “non esquecerme nunca das persoas máis vulnerables por e para as que traballamos no Banco de Alimentos”.

Pereira, que non abandona a entidade, só o cargo de presidente, seguirá traballando como un voluntario máis, achegando a súa gran experiencia e veteranía ao equipo directivo.

Novos patróns

A reunión levada a cabo polo padroado na nave de Vigo, aprobou, ademais, a incorporación de novos membros. Trátase de catro voluntarios dedicados desde hai anos a tarefas loxísticas e de almacén, con gran valía e compromiso.

O Banco de Alimentos acometeu estes cambios no seu organigrama de maneira unánime co obxectivo de seguir desempeñando o seu labor humanitario e poder seguir facendo fronte ao contexto actual da necesidade máis próxima. O estalido da Covid-19 incrementou substancialmente a actividade durante 2020 e continúa facéndoo este ano e, niso, segue envorcada a ONG.

Traxectoria do novo presidente

Martínez incorporouse como voluntario do Banco de Alimentos en 2013 e, pronto, comezou a desenvolver labores de Administración. Colaborou intensamente na primeira Gran Recollida Solidaria levada a cabo pola ONG e, en 2014 converteuse no coordinador de todas estas accións sociais. Desde 2018, ostentaba o cargo de vicepresidente.

Licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, durante os seus últimos anos de vida laboral foi o responsable rexional da área comercial dunha importante empresa con sede en Vigo.