O IES Val Miñor recoñece á nigranesa Elena Ojea co Premio Muller Científica 2021

Este luns celebrouse o acto de entrega do Premio Muller Científica, que dá o IES Val Miñor desde hai xa catro anos, no patio cuberto do centro. Na primeira parte houbo unha pequena actuación coa participación de profesorado e alumnado do centro, sobre os efectos adversos do ser humano no medio mariño, tema central relacionado cos estudos de Elena Ojea, a galardoada, doutora en Economía Ambiental e especializada na sostibilidade aplicada á pesca e os recursos mariños. Tras a intervención de catro profesores, o director do centro, Damián Guede, entregou o galardón, para despois dar paso a Elena Ojea, o Xefe Territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, e o alcalde de Nigrán, Juan González.

Elena Ojea Fernández-Colmeiro, formada no IES Val Miñor e cun doutoramento en Economía Ambiental, logo de cursar o Grao en Ciencias Ambientais na Universidade de Salamanca, desenvolveu o seu labor como investigadora tanto en centros europeos (a Universidade de Santiago ou o Centro Vasco de Cambio Climático (BC3) como de Norteamérica (no Bren School for Environmental Science and Policy ou colaborando co Sustainable Fisheries Group).

Na actualidade, lidera o programa CLOCK: Adaptación climática a poblaciones cambiantes, financiado polo Consello Europeo de Investigación, para o que se uniu ao Centro de Investigación Mariña (CIM), da Universidade de Vigo. Aquí creou o Future Oceans Lab, un grupo de novas investigadoras e investigadores que traballan en torno ao impacto que o cambio climático exerce na vida oceánica e nas comunidades costeiras (co apoio do programa Oportunius da GAIN-Xunta de Galicia). É autora principal do sexto informe de avaliación do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC), un organismo da ONU que analiza o coñecemento científico sobre o impacto do cambio climático no mundo.

O IES Val Miñor outorga, desde 2018, o Premio Muller Científica, que trata de poñer en valor as achegas que acadaron mulleres vinculadas ao ámbito científico. Entendido este no seu sentido máis amplo, o certo é que a muller foi tradicionalmente excluída dalgúns campos de coñecemento, en ocasións incluso directamente silenciada a súa contribución. Investigadoras como África González, Iria González ou Ana Ulla foron galardoadas co Premio Muller Científica.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.