Nigrán reunirá a 450 nadadores na XI edición da Travesía a nado Costa Serena

A XI edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán reunirá a 450 nadadores entre os cinco percorridos que se disputarán o 4 de xullo en Praia América o que supón un novo éxito de participación tendo en conta a situación actual. A travesía a nado estará marcada por un estrito protocolo sanitario para garantir a seguridade dos participantes, voluntarios e público asistente para evitar calquera tipo de contaxio. Contará coa presenza de nadadores de máis de 50 clubs de natación de 10 Comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Aragón, Madrid, Cataluña, Canarias, Valencia, Castela-León, Castela-A Mancha e País Vasco) e unha importante representación de nadadores portugueses con idades entre 5 e 71 anos. Nesta edición, a participación das mulleres representa o 30% do total.

Esta mañá presentouse a travesía no Club Marítimo de Panxón e contou coa presenza do alcalde de Nigrán, Juan González Pérez; o concelleiro de Deportes, José Luis Sanromán; a Deputada provincial, Raquel Giráldez; a responsable de Comunicación de Coca-Cola European Partners en Galicia, María Troncoso; Juan Carlos Álvarez, subdirector da oficina de Abanca en Nigrán; o presidente e o comodoro do Club Marítimo de Panxón, Gabriel Gómez Celaya e Alberto de la Cerda, respectivamente; Laura Pernas, responsable de Organización, Persoas e IT de Atunlo, e Beatriz Alvariño, da organización da travesía.

A organización da travesía a nado destacou o gran esforzo de todo o equipo para levar adiante a proba de natación no segundo ano de pandemia tendo que realizar unha serie de cambios co obxectivo de cumprir cos protocolos sanitarios e garantir a máxima seguridade dos participantes e público asistente, segundo apuntou en rolda de prensa Beatriz Alvariño. Na súa intervención agradeceu o apoio do Concello de Nigrán, patrocinadores (Deputación de Pontevedra, Abanca, Gadis, Coca-Cola, Rodosa e Centro Comercial A Ramallosa), así como de todos os colaboradores, en especial o Club Marítimo de Panxón, onde se servirá un aperitivo a todos as participantes grazas ao patrocinio da empresa Atunlo cumprindo con todas as medidas hixiénico-sanitarias e de forma graduada. A representante da organización da Travesía a nado Costa Serena sinalou que, nesta edición, as inscricións das probas de 4.000 e 2.700 metros “esgotáronse moi pronto e só quedan dispoñibles 30 prazas nos percorridos de 800 e 50 metros. O ano pasado demostrouse que é posible organizar eventos cumprindo con todas as medidas de seguridade e esperamos que así continúe coa colaboración e implicación de todos os nadadores que, na pasada edición, tiveron un comportamento exemplar”, apuntou.

Entre as medidas que se aplicarán na travesía a nado para garantir a seguridade dos participantes está a limitación de aforo en cada un dos percorridos (100 para a proba de 800 metros, 110 nos 2.700 metros e 200 na de 4.000 metros). Nos percorridos infantís só se admiten 25 nenos para cada distancia (50 e 150 metros).

Do mesmo xeito que o ano pasado as saídas serán graduadas tipo contrarreloxo nos percorridos de 800, 2.700 e 4.000 metros para evitar a aglomeración de participantes. O uso da máscara será obrigatorio para todos os nadadores ata segundos antes da saída, que deberán depositarse nos contedores, así como o resto de residuos. Tamén será obrigatorio o seu uso na meta e durante a entrega de trofeos. Ademais, tomarase a temperatura a todos os participantes antes de entrar na auga e delimitarase as zonas de saída, meta e podio para garantir a distancia social entre os nadadores e o público asistente.

Así mesmo, a entrega de bolsas seguirá un estrito protocolo e farase desde tres días antes da celebración da travesía. Os nadadores terán que acudir obrigatoriamente con máscara e desinfectarse as mans antes da súa recollida. Para a entrega de bolsas utilizaranse pantallas de metracrilato e colocarase sinalización para o cumprimento das medidas de seguridade. As bolsas poderán recollerse os días 1 e 2 de xullo na tenda Boyer Triathlon Vigo (R/Manuel de Castro, 12) e o día anterior á proba nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar, en Panxón, de 11:00 a 20:00 horas.

Entre outras medidas de seguridade están a creación dunha fila única en meta para a chegada dos participantes, que deberán acceder andando, mantendo en todo momento a distancia interpersoal e sen poder correr. Ao saír da auga entregaráselles unha máscara, que deberán colocarse inmediatamente. Ademais haberá máis espazo na zona de avituallamento coa creación de dous corredores independentes por onde accederán os nadadores para coller a bolsa de avituallamento (auga e Powerade, plátanos e rosquillas) e deberán abandonala inmediatamente para evitar a concentración de nadadores. Só se permitirá o acceso a esta zona a nadadores e persoal da organización.

Na saída, meta e a entrega de premios colocaranse varios puntos para a desinfección e hixiene de mans dos participantes.

Percorridos

Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip electrónico de Champion Chip Norte. O percorrido longo, que estará limitado a 200 participantes, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

Os nadadores do Real Club Náutico de Vigo, Pablo Domínguez e Miguel Martínez Novoa, parten como favoritos na proba de 4.000 metros cuns tempos de 45 e 46 minutos, respectivamente. Na categoría feminina, a nadadora do Club de Natación de Ponteareas, Cristina García Marín, aspira a conseguir o seu cuarto título.

O percorrido de 2.700 metros, cun máximo de 100 prazas, terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, tamén cun máximo de 100 prazas que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 800 metros comezará ás 10:00 horas, a de 2.700 metros ás 10:20 horas, mentres que a de 4.000 metros arrancará ás 11:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Búsqueda y Salvamento Ría de Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks, pádel surf e motos acuáticas seguindo a proba. Na praia, a organización contará co apoio da Asociación Vodea con máis de 30 voluntarios, que estarán a controlar o cumprimento de todas as medidas de seguridade.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e outro de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente.

Premios

Nas probas de 800, 2.700 e 4.000 metros entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba raíña este ano, como novidade, tamén se darán trofeos aos tres primeiros clasificados -categoría masculina e feminina- que naden sen neopreno. Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba raíña.

Así mesmo entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello no momento da inscrición. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Inscricións

As inscricións poderán realizarse ata o xoves 24 de xuño ás 12 da mañá en www.championchipnorte.com. O prezo da inscrición da proba de 4.000 metros é de 25 euros, 23 euros a de 2.700 metros e 19 euros a de 800 metros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, cronometraxe electrónica, avituallamento, seguro, asistencia médica, trofeo para os tres primeiros clasificados absolutos das tres probas, medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba de 4.000 metros, máscara, medidas hixiénico-sanitarias (xeles hidroalcohólicos), reportaxe fotográfica, un xeado, aperitivo no Club Marítimo de Panxón e participación no sorteo de material deportivo. Os nenos recibirán unha medalla ao chegar a meta e unhas lentes Zoggs.

A Travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, o Concello de Nigrán e Atlantic Extreme Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, o concesionario Renault Rodosa, Gadis, Centro Comercial A Ramallosa e Atunlo. Tamén colaboran Powerade, Frutas Sol, Arena, Club Marítimo de Panxón, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Asociación Vodea, Waira, Kailúa, Boyer Triathlon Vigo, Ángel Leirós Motos, Talaso Atlántico, Comunica e Clubnatacion.com, entre outros.