Fin de semana aciaga para Alberto Meira no Rallye de Pontevedra

O equipo AMF Motorsport afrontaba a segunda cita do Campionato Galego de Rallyes, en Pontevedra, coa ilusión de seguir cultivando un novo podio co que non soltarse das posicións cabeceiras do certame. Con todo, as cousas torcéronse desde o primeiro metro e o binomio Meira-Murado non puido concluír a proba.

Nada máis comezar o tramo que abría o rallye, disputado o venres en Sanxenxo, a transmisión do Citroën DS3 R5 rompía na saída, e aínda que o equipo soamente cedía 22 segundos co scratch, non había certeza de que se puidese solucionar a avaría. Grazas á boa disposición de Ricardo Costa e o Team Macominho ao completo, que ofreceron a transmisión central do seu DS3 para poder seguir en carreira e grazas tamén ao arduo labor de asistencia durante a noite, o vehículo estaba listo para remontar posicións ao día seguinte.

Alberto Meira e José Murado espremían a mecánica para lograr un bo crono no primeiro tramo do sábado, pero nunha freada delicada antes dunha ponte o vehículo se descolocaba, golpeando levemente nun bordo, pero o suficiente como para partir unha lamia e como dano colateral, o disco de freo. A pesar dos esforzos do equipo por reparar o problema, foi imposible poder continuar en carreira.

Aínda que este resultado é un golpe ás aspiracións do equipo, a chegada do rallye de casa, o Sur do Condado en menos de tres semanas pode ser o revulsivo para regresar á traxectoria regular e ascendente das anteriores carreiras.