Nigrán aprobará un novo plan de rescate municipal destinado aos sectores pesqueiro, de hospedaxe e deportivo

FOTO: ANI PÉREZ // Fe Tres. Manuel e Juan halando as nasas do polbo, agosto de 2017.

O goberno de Nigrán aprobará no próximo pleno ordinario do 28 de xuño un cuarto plan de rescate municipal por importe de 51.526 € destinado nesta ocasión ao sector pesqueiro, de hospedaxe e de rendemento deportivo da localidade con axudas de 1.200 € para os empresarios e 750 € para a tripulación de barcos. Esta partida orzamentaria xurde a través dunha convocatoria excepcional da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra co obxectivo de paliar os efectos económicos do Covid-19 naqueles sectores que determine cada concello, sendo estes os elixidos desde Nigrán: mariñeiro (patróns e tripulantes), hospedaxe (hostais, pensións, hoteis, cámpings…) e deportivo (ximnasios, centros deportivos ou empresas de deportes).

O Concello de Nigrán suma xa anteriormente 240.000 € en fondos propios aprobados en tres liñas de axudas directas compatibles entre si para suavizar os efectos da crise económica na hostalaría e no taxi e agora engade estes 51.526 € para estes novos sectores. A última delas pechou esta semana o prazo de solicitude e foi pedida por 25 taxistas, 30 autónomos societarios, 41 autónomos individuais e 10 autónomos colaboradores.

“Ata agora centrámonos na hostalaría e no taxi por ser estes sectores especialmente prexudicados cos sucesivos peches e limitacións sanitarias, agora consideramos que é o momento de chegar a estes outros tamén duramente danados para paliar os efectos económicos da crise da Covid-19”, considera o alcalde, Juan González, quen destaca ao sector do mar “como o máis tradicional no municipio e moi dependente da hostalaría”. “Non se entende a nosa localidade sen a súa Historia e a súa cultura mariñeira, por iso queremos protexelo especialmente con este plan que previamente consultamos coa Confraría”, destaca.

O borrador das novas bases elaboradas xa desde o Concello contemplan axudas de 1.200 € para empresarios destes tres sectores empadroados no municipio ou simplemente con negocio no municipio (inclúe patróns nigraneses de barcos con base en Nigrán ou Baiona) e 750 € para tripulantes de embarcacións con base en Nigrán ou Baiona e empadroados en Nigrán.

Como nos demais plans de rescate municipais, as axudas son compatibles con calquera outra concedida polas distintas administracións e son por concorrencia non competitiva, é dicir, concédense sucesivamente ata esgotarse os fondos. Tras a súa aprobación no Pleno do 28 de xuño serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia, abríndose un prazo de 20 días de solicitude desde ese momento.