O Alcalde de Baiona reclama un “reforzo de calidade” da Atención Primaria

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Baiona.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e os parlamentarios galegos polo PSOE, Julio Torrado e Leticia Gallego, mantiveron unha reunión con persoal do centro de saúde de Baiona. No marco do encontro, sostiveron que a Xunta de Galicia “debe e ten que realizar un reforzo da Atención Primaria en Baiona e de maior calidade” ante a situación “tan preocupante que se está vivindo nestes momentos na localidade no ámbito sanitario”.

Así, o rexedor mostrou a súa preocupación por “esta alarmante situación, pola necesidade da recuperación progresiva da atención presencial, porque se implementen os reforzos necesarios para atender as necesidades provocadas polo coronavirus, as listas de espera e, sobre todo, para traballar na prevención nunha localidade que ao longo das próximas semanas e meses vai recibir a unha cantidade importante de turistas”.

Ao seu xuízo, “o reaxuste na Atención Primaria que se está desenvolvendo por parte da Xunta de Galicia é moi preocupante” e, por iso, esíxelle ao Goberno autonómico que “reforce a Atención Primaria e, ademais, fágao da man do persoal sanitario, co seu apoio e consello, pois son as persoas que mellor coñecen a situación xa que están en primeira liña”.

Carlos Gómez quere remarcar, por último, que desde o Concello de Baiona e os parlamentarios galegos aplauden e eloxian o labor e o traballo “incansable e inxente” que fixeron os profesionais sanitarios durante estes meses “e queremos que se lles apoie, que haxa máis contratos e que teñan unha calidade laboral porque o esforzo que fixeron durante estes meses e seguen facendo é vital e moi importante”.