Baiona destinará máis de medio millón de euros a mellorar infraestruturas en distintas zonas do municipio

As actuacións para financiar este ano en Baiona a través da liña 1 do Plan Concellos da Deputación xa están decididas. Investiranse un total de 587.342,89 €. Entre os proxectos para realizar atópanse grandes investimentos que se levarán a cabo ao longo do ano no municipio.

Así destaca o proxecto de mellora no barrio da Percibilleira, que supoñerá un investimento de 186.184,55 euros. Desta forma atenderanse as demandas dos veciños e veciñas da zona, tras anos de desatención destas infraestruturas públicas a pesar dos evidentes síntomas de esgotamento de vida útil das mesmas. O actual equipo de goberno comprometeuse a levar a cabo os traballos na zona, que conlevarán a substitución das redes de saneamento, distribución de auga potable e renovación de asfaltados na vía principal de acceso ao barrio.

Esta actuación comprende a substitución das redes na rúa Fontiñas e na rúa Percibilleira. Ademais, tamén se repoñerá a rede de abastecemento naqueles tramos que sexa necesario debido á execución de novas canalizacións e tamén se fará unha reposición do firme que se atopa en mal estado. En total, actuarase nunha superficie total de case 3.000 metros cadrados.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, destaca que “o Concello de Baiona poñerá en marcha nos próximos meses un gran número de obras civís por un importe superior ao medio millón de euros, que van permitir mellorar a rede de saneamento, a rede de abastecemento, así como a seguridade viaria e o asfaltado de principais vías de acceso en distintas zonas do municipio”.

“Como anunciamos, queriamos poñer en marcha un plan de investimentos en obra pública para actuacións necesarias para o noso municipio e estas futuras intervencións son exemplo do noso compromiso por mellorar as infraestruturas da localidade”, explicou o Alcalde, Carlos Gómez, que asegura que se realizou “un traballo intenso percorrendo as parroquias para coñecer de primeira man as necesidades de actuación”.

Ás obras de mellora na Percibellieira sumaranse actuacións de reposición do firme nos viarios da Serralleira en Santa Cristina da Ramallosa, o que supón un investimento de 133.191,37 euros. Este tipo de obras de asfaltado tamén se levarán a cabo en diferentes rúas da localidade: na zona dos Tendais, no centro da localidade, para o que se destinaron 109.589,29 euros, ou na estrada da Granxa en Belesar por 49.150,76 euros.

Tamén está prevista unha actuación no Camiño Urgal (na zona da Figueira) en Belesar, onde se alargará a calzada e mellorarase o firme, o que supoñerá un investimento de máis de 60.000 euros. Así mesmo, no Camiño Cachouza (Urgal) tamén está previsto o arranxo do camiño e do asfaltado, investimento de 23.398,79 euros. Trátase de viarios, camiños ou estradas que son moi utilizados por numerosos residentes en distintos barrios e núcleos poboacións de Baiona.

En Santa Cristina da Ramallosa rehabilitarase o arranxo do paseo de madeira e da ponte situada na Avenida Foz do Miñor, cun investimento de máis de 25.000 euros. Para realizar todas estas obras de mellora sacarase a licitación un paquete para cada unha delas polo valor estimado, que inclúe numerosas actuacións repartidas por distintas zonas e barrios de Baiona.

“Estas obras contribúen a mellorar as infraestruturas públicas de Baiona e o mantemento e desenvolvemento sostible das distintas zonas do municipio, poñendo en valor a súa contorna e axudando a consolidar o tecido poboacional do noso municipio”, finaliza o rexedor.