Gondomar suspende a celebración das fogueiras de San Xoán en espazos públicos

San Xoán un ano máis vese suxeito ás normas ditadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, razón pola que Gondomar “non celebrará fogueiras en espazos públicos, atendendo á orde do 28 de maio de 2021”, na que tamén se recolle que nesa xornada non estarán permitidas as verbenas, festas nin eventos populares ante a posibilidade de aglomeración de xente.

Para a celebración de fogueiras en espazos privados, poderán ser como máximo de 15 persoas, segundo o estipulado na orde autonómica ditada o 10 de xuño, e sempre coa pertinente autorización. Ademais recoméndase que entre as 1:00 e as 6:00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público como privado, limítese exclusivamente a persoas convivintes.

Gondomar asume as directrices do goberno galego e solicita precaución e colaboración á poboación “nesta data que sen dúbida nun ano celebraremos como tradicionalmente sempre se fixo no noso municipio”, manifestou Paco Ferreira, que lembrou “só temos que facer un pequeno esforzo máis, para completar esta recta final da loita contra a pandemia”.