A Xunta activa unha nova convocatoria de 4 M€ en axudas directas para os establecementos de ocio nocturno

Destaca que a proba piloto realizada a pasada fin de semana transcorreu con normalidade e que se está completando o estudo para realizar un informe e pechar o protocolo de reapertura

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello, a activación dunha nova liña de axudas por 4 M€ para apoiar aos establecementos de ocio nocturno e minimizar o impacto do seu peche continuado.

Máis polo miúdo, indicou que os propietarios destes establecementos (discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festa, salas de concerto e outros asimilables), poderán percibir axudas desde 7.500 € ata un máximo de 35.000 €, en función da superficie do local. Entre o anterior plan, engadiu, e a actual convocatoria de axudas directas, investiranse máis de 8,5 M€.

En relación á proba piloto realizada a pasada fin de semana en 6 locais de ocio nocturno, Feijóo destacou que transcorreu con normalidade e cun escrupuloso cumprimento das medidas de seguridade, PCR, máscara, distancia de seguridade, circuíto de entrada e saída e medición de CO2. Ademais, informou da posta á disposición dos donos dos locais dun teléfono para o traslado de incidencias.

A este respecto, tamén explicou que se está completando o estudo da proba para realizar un informe e pechar o protocolo de reapertura.