A compostaxe suma adeptos no municipio de Gondomar

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Medio Ambiente, realizou este xoves unha nova entrega de composteiros individuais, atendendo a alta demanda que por parte da veciñanza recíbese no departamento. Nas próximas semanas completarase a entrega de medio centenar de novos composteiros cunha capacidade de 400 litros cada un. Sumaranse así aos preto de 400 que xa se repartiron entre aqueles veciños e veciñas que os solicitaron.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, subliña que “a colaboración e interese da nosa veciñanza é unha proba máis de que Gondomar é un municipio que aposta polo medio ambiente” e engade “que seguiremos traballando como fixemos ata o de agora, porque as administracións debemos estar á fronte da loita contra o cambio climático”.

Pola súa banda o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, agradeceu a disposición dos veciños para reciclar os residuos orgánicos que xeran, explicando na presentación que “a reciclaxe nos permite reducir o envío do noso lixo a SOGAMA para que a queimen e reducir o gasto municipal nesta materia, e poder investilo no municipio”.

Nese sentido lembra o traballo que desde o inicio da lexislatura desenvolveuse desde o departamento de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, en mans de Brais Misa, con campañas de información e concienciación e accións concretas como o reparto de composteiros.

Os interesados e interesadas en facerse cun deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal, acreditando estar empadroado en Gondomar e ter unha vivenda unifamiliar na que poder situar o composteiro.