Os participantes do Proxecto “Vincúlate” de Baiona organizan unha recollida de produtos para a protectora “Os Palleiros”

Os participantes do Proxecto “Vincúlate” do Concello de Baiona organizan unha recollida solidaria de produtos para a protectora de animais “Os Palleiros”. O próximo 23 de xuño visitarán as instalacións desta protectora e idearon unha campaña solidaria de recollida de produtos que a asociación precisa para atender aos animais.

Así, os cidadáns e cidadás que queiran colaborar coa campaña poden facelo facilmente. As persoas interesadas poderán deixar os produtos nas instalacións do Pavillón Municipal de Deportes en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 23:00 horas e os sábados e domingos de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

Entre os produtos que se poden doar figuran pensos de todos os tipos (cachorros, específicos, normal…), salchichas, lixivia e desinfectantes, kongs ou xoguetes duradeiros. Tamén premios e snacks para cans, transportíns, casetas, correas, arneses, colares… estes últimos produtos poden ser utensilios usados en bo estado de conservación.

Non se aceptan doazóns económicas. A campaña de recollida arranca hoxe e finalizará o vindeiro martes 22 de xuño.