Anuncios
Ticker de novas

A caída de árbores produce danos en vehículos e vivendas de Gondomar

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou entre as 06:00 horas e as 12:00 horas desta mañá un total de 403 incidencias relacionadas co temporal que está a afectar á nosa comunidade.

As incidencias máis destacadas desde o comezo do temporal son caída de árbores e pólas nas estradas, carteis, pancartas, cables de luz, derrubamentos, bolsas de auga, terra e pedras en estradas. Así como varios centros escolares pechados por mor de caída de árbores e tellas. Ademais, varios portos galegos foron afectados por roturas de pantaláns e diques flotantes, así como embarcacións afundidas.

Por provincias, a que rexistrou máis incidencias foi A Coruña con 182, seguida de Pontevedra con 112, Lugo con 63 e Ourense con 47 incidencias.

Un dos concellos con máis número de incidencias foi Gondomar. Ao redor das 5:00 horas da madrugada varias pólas dunha árbore de grandes dimensións da Praza de Ángel Urzáiz, fronte ao Concello, precipitáronse provocando danos en tres vehículos que permanecían estacionados e afectando a dúas vivendas próximas. Os veciños deron aviso ao 112, que comunicou o suceso á Garda Civil e ao GES de Val Miñor, cuxos membros foron os encargados da retirada das pólas nun primeiro momento. Máis tarde, a Policía Local acordoou a zona, e xa ao mediodía, operarios de Vías e Obras procederon á poda da árbore para evitar que o suceso se repita. Na EP-2303, na contorna do Pazo de Villarés, varias árbores tamén se precipitaron sobre a calzada, unha delas golpeando a un vehículo que pasaba nese momento pola estrada.

Danos nas infraestruturas portuarias

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a avaliar os danos producidos polo temporal nas infraestruturas portuarias que xestiona este ente. Portos de Galicia contabiliza en arredor de 36 os portos afectados polas incidencias, relacionadas con roturas de pantaláns e diques flotantes, embarcacións afundidas, desprendementos de chapas e fingers (elementos de amarre de embarcacións) e caída de sinais.

Os portos máis afectados foron fundamentalmente os da provincia de Pontevedra e A Coruña. En Baiona o temporal levantou parte da cuberta do tellado da lonxa e causou danos nos pantaláns.

Suspensión actividades extraescolares

A Comisión Escolar de Alertas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acordou a suspensión das actividades no exterior dos centros educativos de todos os concellos de Galicia desde hoxe ás 15.00 horas. Esta medida non afecta á actividade docente nin ao transporte escolar. No caso de que as circunstancias meteorolóxicas na localidade onde se atopa o centro de ensino supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior ou as extraescolares.

Incidencias en estradas

Desde as 21 horas nas estradas galegas rexistráronse 85 puntos afectados e 73 caídas de árbores en estradas que xa foron retiradas. Está afectada a circulación na PO-534 no p.q. 19+200, pola caída dunha torreta eléctrica. No resto das estradas circúlase con normalidade aínda que se recomenda precaución. Na LU-633 e LU-637 foron empregadas máquinas quitaneves.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.