
O Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Turismo, dirixida por Rocío Goberna, retoma o programa de rutas turísticas “Descobre Gondomar”, que na súa volta convidará aos interesados e interesadas a coñecer o Pazo do Conde de Gondomar. Esta primeira cita con “Descobre Gondomar” desenvolverase o próximo 24 de xuño, a partir das 18:30 horas, e a visita acoutará a un grupo máximo de 20 persoas, seguindo todas as medidas de seguridade vixentes ante a Covid19, como son o uso das máscaras ou manter distancia social.
A visita, dunha duración aproximada de 90 minutos, partirá da Praza Paradela ata o acceso do Pazo do Conde onde se visitará a súa zona axardinada, a muralla que o rodea e, posteriormente, accederase ao seu interior. Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude de forma previa enviando os seus datos á dirección de correo oficinadeturismo@concellodegondomar.gal ou chamando ao teléfono 678 87 49 85, rexistrándose por orde de inscrición ata completar as prazas previstas.