Telefónica dotará de fibra óptica ao Parador de Turismo de Baiona

Telefónica dotará de FTTH ao Parador de Turismo de Baiona, de forma que contará con banda ancha ultrarrápida desde os primeiros días xullo. Paradores de Turismo de España seleccionou a Telefónica, a través dun concurso público, como socio tecnolóxico único para culminar a súa dixitalización, implantando unha rede de alta dispoñibilidade e banda ancha ultrarrápida nos 97 emprazamentos que a hostaleira pública ten repartidos en 16 Comunidades Autónomas.

Ata o de agora, a infraestrutura de rede nestes edificios dependía de varios provedores de telecomunicacións e tiña un limitado ancho de banda. Isto, unido á complicada orografía na que se sitúan -moitos en lugares remotos- e á propia arquitectura dos edificios -boa parte deles históricos- limitaba a cobertura e dificultaba o acceso mesmo a funcionalidades básicas.

O proceso de implantación da fibra óptica avanza a moi bo ritmo. Nos últimos dous meses Telefónica levou a banda ancha a 31 edificios que non contaban con ela, polo que 71 Paradores dispoñen xa desta tecnoloxía. Estímase que a primeiros de xullo estea instalada nos 97 establecementos da rede de Paradores.

A evolución dos servizos de comunicacións de Paradores será a base para desenvolver o seu plan de transformación dixital que mellorará tanto a xestión interna como a experiencia do cliente desta cadea de hoteis e restaurantes. Ademais, servirá para ampliar o seu público con visitantes que requiren teletraballar, viaxeiros dixitais ou turistas máis novos que buscan unha atención sostible grazas ao uso da tecnoloxía.

Esta optimización das comunicacións modernizará a oferta de entretemento dixital e as propostas de Paradores. Os clientes poderán acceder a televisión á carta ou fío musical baseado nas listas persoais de Spotify desde as habitacións; realizar reservas desde o móbil para contratar actividades no propio establecemento ou pola zona; celebrar eventos e reunións empresariais con todas as garantías de conectividade ou teletraballar desde lugares tan remotos como o Parque Natural de Ordesa e Monte Perdido (Parador de Bielsa), a serra de Cazorla (Parador de Cazorla), os Picos de Europa (Paradores de Cangas de Onís e Fuente Dé) ou palacios e castelos como os de Sigüenza, Xaén, Alarcón ou Alcañiz ou Jarandilla.

Durante o próximos cinco anos, Telefónica implantará, ademais, a través da súa área de negocio empresarial, Telefónica Empresas, unha solución de voz que se basea nunha evolución da súa rede a unha contorna 100% IP NGN (Next Generation Network), o que permitirá prestar novos servizos sobre a voz e gañar flexibilidade. As comunicacións converxentes axudarán á mobilidade dos empregados e á dixitalización dos procesos de negocio. Para iso, dotarase aos dispositivos móbiles de capacidades de voz e datos, así como de funcionalidades de xestión remota a través das ferramentas de Mobile Device Management (MDM).

As solucións de datos despregadas pola rede garanten a conectividade de alta calidade e o que o 100% dos establecementos, independentemente da súa localización, poidan ter fibra óptica. Para iso, dotarase de conectividade aos CPDs dos Paradores, o que permitirá evolucionar as súas infraestruturas, e despregarase a súa rede de servizos na internet en todos os seus centros.

“Estamos moi satisfeitos da nosa colaboración neste proxecto de transformación de Paradores, unha entidade emblemática que agora evoluciona o seu negocio dando un paso importante na súa dixitalización. Telefónica está totalmente comprometida para axudar a Paradores a dar o mellor servizo aos seus clientes, protexer o patrimonio histórico e cultural e promover a economía local e o coidado do medio ambiente, facilitando a conexión entre empregados, provedores e clientes”, sinalou Emilio Gayo, Presidente de Telefónica España.

O Presidente-CEO de Paradores de España, Óscar López-Águeda, sinala que “vai ser un fito moi importante poder ofrecer fibra de última xeración en todos os hoteis da rede. Isto permitirá que os nosos clientes poidan gozar de entretemento en liña ou mesmo teletraballar. Ademais, isto abre novas oportunidades ás comarcas nas que se sitúan os Paradores, moitos deles lugares recónditos da España baleira onde é difícil atopar fibra óptica de última xeración. Estamos moi satisfeitos desta colaboración que iniciamos con Telefónica, a compañía tecnolóxica máis importante do noso país”.

O acordo entre ambas as dúas entidades garante as necesidades tanto actuais como futuras na Rede de Paradores por todo o territorio nacional, e podería ampliarse a novos centros se fose necesario.