O pleno de Baiona acorda, a pedimento do PP, instar o goberno a dar marcha atrás á subida de impostos

O PP de Baiona trata de que o Goberno do Estado dea marcha atrás na súa intención de subir os impostos aos cidadáns e con ese afán presentou unha proposta no pleno ordinario deste mes de xuño, celebrado a pasada semana, para instar o Executivo de Pedro Sánchez a non seguir afogando ás familias con tributos. Unha moción que logrou sacar adiante cos votos a favor de Ciudadanos e do BNG e que contou co voto en contra do principal partido do goberno local, o PSdeG, ao que representa o Alcalde, Carlos Gómez.

Para o grupo municipal popular, non é xusto que nun momento no que as familias e tamén as administracións máis próximas aos veciños, como son os Concellos, están a atravesar un momento económico especialmente difícil por mor da pandemia do Covid-19, desde o Estado preténdase querer seguir facendo caixa á conta de asfixiar a impostos a quen, con moito esforzo, xa están a contribuír coas súas obrigacións fiscais a pesar de que en moitos casos cústalles chegar a final de mes. “Mesmo, o propio goberno local recoñeceu no pleno que o incremento no prezo da luz custará ás arcas municipais uns 50.000 euros máis ao ano”, lembran os populares.

“Subida do imposto de matriculación, ao gasoil, doazóns, sucesións, das pólizas de seguros, da luz, das peaxes nas autovías, da bombona de butano ou a eliminación da tributación conxunta das parellas, entre outros, como pretende o Goberno de España supoñería para os baioneses unha carga tributaria demasiado pesada contra a que o PP continuará loitando a través dos organismos oficiais como o pleno da corporación local no que quedou constancia dese rexeitamento frontal da corporación á política do Executivo socialista”, conclúen.