O Gondomar Acro Club campión galego escolar alevín de ximnasia acrobática por primeira vez na súa historia

Este domingo celebrouse no Pavillón Municipal da ETEA de Vigo o Campionato Galego Escolar de ximnasia acrobática. O Club Treboada de Pontevedra, Burgas de Ourense, CDXR Compostela, Gondomar Acro Club e os anfitrións Flic Flac foron os clubs participantes.

O club gondomareño, que participaba con once ximnastas repartidas en catro equipos, tres tríos e unha parella feminina, obtivo cinco medallas: unha medalla de prata e tres de bronce por equipos e un trofeo que lles acredita como mellor club de Galicia, algo que nunca conseguiran antes.

“Estou súper orgullosa de todas e cada unha das ximnastas. Despois desta tempada tan atípica uns resultados así nos enchen de orgullo e satisfacción. Podería dicir, mesmo, que estou nunha nube con este primeiro ouro para o noso club. Sendo sincera, esperaba que puidésemos estar entre os tres primeiros, pero non no máis alto do caixón. A parte dos resultados, enchéronnos de alegría os berros e aplausos das familias á nosa saída do pavillón, foi un momento moi emotivo que agradecemos moito. Cousas como esa dannos a forza que necesitamos para seguir traballando no noso día a día. Esperemos poder repetir a xesta na Copa Galicia Escolar do mes que vén”, comenta Cristina Castro, directora do club.

Categoría benxamín:
Trío feminino: Inés Román, Claudia Comesaña e Nora Valverde, medalla de bronce.

Categoría alevín:
Trío feminino: Carla Fernández, Evelyn Lorenzo e Vera Fernández, medalla de prata.
Trío feminino: Helena Veiga, Aroa Araujo e Candela Alonso, medalla de bronce.
Parella feminina: Clara Quintas e Carla Albores, medalla de bronce.

Clasificación por clubs:
Categoría alevín: medalla de ouro.