O alcalde de Gondomar recibe a Desirée Vila tras o seu éxito no europeo

Desiré Vila foi recibida polo alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e os concelleiros Nuria Lameiro e Brais Misa, que lle transmitiron as súas felicitacións polo gran traballo que realizou no Campionato de Europa de Atletismo Paralímpico. A deportista gondomareña fíxose coa medalla de bronce, a súa primeira medalla internacional, na proba de salto de lonxitude 63, rexistrando o seu mellor salto con 4,23 metros, superando a súa propia marca.

“Unha vez máis se converteu nunha das mellores embaixadoras de Gondomar, levando o nome do noso municipio ao máis alto”, manifestou o rexedor. Na recepción a atleta amosou a medalla de bronce que gañou no europeo e explicoulles as súas sensacións de cara os Xogos Paralímpicos de Tokio, nova meta que se marcou Desirée Vila.

Esta veciña gondomareña logrou a súa clasificación o pasado mes de maio no Mitin Basauri, onde cun salto de 4,17 logrou superar os 4,07 esixidos nos criterios de clasificación para Tokio, aprobados polo Comité Paralímpico Español e as Federacións Españolas de Deportes de Persoas con Discapacidade.

Paco Ferreira trasladou, no seu nome e no de toda a veciñanza que representa, moita sorte a Desirée Vila, así como a súa total confianza en que logrará no país nipón “situar unha vez máis o nome de Gondomar no máis alto”.