Un incendio nun restaurante obriga a desaloxar un edificio en Baiona

Un edificio foi desaloxado esta mañá en Baiona despois de declararse un incendio nun restaurante situado no baixo do inmoble. Segundo a información recollida no 112 Galicia, foron evacuadas deste edificio unhas nove persoas, todas en perfecto estado de saúde. O incendio orixinouse nun almacén do local de hostalaría, todo apunta a que nun conxelador, e o fume propagouse polo restaurante.

Os feitos sucederon na Rúa do Reloxo, ao fío das oito e cuarto. Foi, nese momento, cando a Policía Local contactou co 112 Galicia para alertar do incendio e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros do Baixo Miño e de Vigo, do GES do Val Miñor, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Val Miñor e, como medida preventiva, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.