Prades vence en Benicarló como guinda ao fin de semana de ilusión do Vigo-Rías Baixas

Un triunfo autonómico, un estatal e un mundial. O doce momento que atravesa o Vigo-Rías Baixas non ten límites. A estrutura Elite-Sub23 presidida por José Luis Chamorro chegaba enrachada a esta fin de semana, o previo ao do Campionato de España, e confirmou que afrontará a gran cita estatal en estado de graza. A última vitoria conseguiuna este domingo o seu xefe de filas Benjamí Prades na Rolda ao Maestrat.

O ciclista tarraconense inaugurou a súa marcadora de éxitos co conxunto flúor na localidade castellonenca de Benicarló, tras 172 quilómetros de percorrido. Prades aproveitou o traballo de desgaste que anteriormente realizara o seu compañeiro Ander del Castaño, filtrándose nunha escapada, e o líder do Vigo-Rías Baixas marchouse no tramo final xunto a outros catro corredores.

O gañador a 45ª edición da Rolda ao Maestrat dilucidouse ao sprint entre os cinco fuxidos, que se presentaron na recta de meta con 11 segundos de vantaxe sobre os seus perseguidores. Prades mostrouse como o máis rápido do quinteto e levantou os brazos por diante de José María Martín (Valverde Team) e Alejandro Franco (Caja Rural), que o escoltaron no segundo e no terceiro banzo do podio, respectivamente.

Copa de España e título en Cantabria

O Vigo-Rías Baixas pechou en Benicarló unha xira mediterránea que o día anterior tivo como parada o Memorial Momparler. Na oitava proba da Copa de España, Ander del Castaño tamén brillou pola súa combatividade. O escalador vasco tentou sorprender de lonxe e en solitario, coroando na cabeza o Alto de Cumbres de Valencia, cuxa cima estaba situada a 66 km da chegada. O ciclista flúor foi atrapado primeiro por cinco corredores e, xa dentro dos últimos 10 km, botóuselles encima o pelotón.

Na mesma xornada, a do sábado, Miguel Ángel Fernández proclamouse campión Elite de Cantabria. O velocista da escuadra olívica conquistou a coroa autonómica grazas ao undécimo posto asinado no Gran Premio San Antonio de Renedo. O día anterior, obtivera a segunda posición no Memorial Nacho Basurto, outra proba cántabra puntuable para as clasificacións da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

O intenso programa do Vigo-Rías Baixas esta fin de semana no calendario amateur español completouse na Ruta do Albariño, na comarca pontevedresa do Salnés. Andrés Taboada concluíu como segundo mellor sub21 na xeral e ocupando a 22ª praza na táboa absoluta.

Campión do Mundo

A todos estes resultados hai que engadir a xesta lograda o sábado por Noel Martín no circuíto portugués de Estoril. O ciclista abulense, que unha semana antes impúxose no Porriño coa camisola flúor, colgouse a medalla de ouro no Campionato do Mundo de ciclismo adaptado celebrado en Portugal, ao vencer na proba en liña para tandems formando parella con Christian Venge.