O escritor baionés Gerardo Collazo lanza unha campaña de crowdfunding para publicar a súa cuarta novela

O escritor baionés Gerardo Collazo Vilar está inmerso na publicación do que será o seu cuarto libro. Trátase dunha novela curta ambientada no Val Miñor titulada “Agarimo”, e que será editada por Tandaia, unha editorial con vontade de cambio, de publicar obras pouco convencionais pero de indubidable calidade, con novas e refrescantes ideas como é o empregar unha campaña preventa para promocionar cada título cando este aínda se atopa en proceso de edición.

O 1 de marzo de 1493, un grupo de conquistadores liderados por Pinzón arribou en Baiona con noticias do Novo Mundo; case un século despois, ao 8 de outubro de 1585, un novo capítulo da historia sería desenterrado das entrañas do pobo por piratas ingleses, e con el, o maior secreto do almirante, iniciando deste xeito unha cadea de fatídicos acontecementos que se alongaría ata 2019. Toda a demencia traída do novo continente marcaría o destino do Vello Mundo, onde navegamos sen rumbo guiados pola cobiza, a necia necesidade de acumulación, o ansia de riqueza e un afán desmedido de dominar a quen nos rodea.

A campaña de crowdfunding, que xa logrou o 58% do obxectivo marcado, finalizará en 20 días. O obxectivo, que Gerardo Collazo Vilar vexa publicada a súa obra. Existen sete opcións para colaborar, desde 16 euros (19 fóra de España), que inclúe un exemplar do libro semanas antes de que estea dispoñible nas tendas, ata 300 euros, que inclúe ademais un cadro exclusivo realizado polo autor. Tamén se pode elixir a opción premium por 26 euros (29 fóra de España), na que aparecerá o nome do mecenas no libro, e a opción gold, por 36 euros (39 fóra de España), cun print orixinal creado polo autor.

Nacido o 20 de marzo de 1988, en Baiona. Gerardo, escritor, xornalista pola Universidade Complutense de Madrid, técnico superior en realización de espectáculos e audiovisuais, especialista en márketing dixital, pintor, ilustrador e tatuador. Publicou a súa primeira novela, “El Amanecer de los justos”, en 2014. En 2015 publicou a súa segunda novela, baixo o título “Autopista Roswell”. En 2019 publicou a súa primeira antoloxía de relatos, titulada “Me he dejado los conejos atrás, ¡y no me importa!”. Actualmente vive en Barcelona, cidade na que desenvolve a súa carreira entre a publicidade, a arte e o xornalismo.

https://www.lanzanos.com/tandaia/proyectos/agarimo/