Desirée Vila, mestra de cerimonias na presentación do equipamento oficial para os Xogos de Tokio

A Base da Mariña de Valencia foi o marco elixido para a presentación da indumentaria oficial que vestirá o Equipo Paralímpico Español durante os Xogos de Tokio deste verán e que foi deseñada e fabricada pola firma Luanvi.

A marca valenciana estivo traballando durante os últimos anos co obxectivo de lograr as mellores pezas para os deportistas que competirán en Xapón, con materiais de primeira calidade e deseños exclusivos á altura da cita máis importante do calendario paralímpico.

Na presentación da roupa exerceron de modelos 12 destacados deportistas do Equipo Paralímpico Español: os nadadores Sarai Gascón, Nuria Marquès, Ariadna Edo e Jacobo Garrido, os atletas Héctor Cabrera e Adiaratou Iglesias, os triatletas Eva Moral e Jairo Ruiz, os xogadores de baloncesto en cadeira de rodas Amadou Diallo e Sara Revuelta, o tenista de mesa Jordi Morales e o piragüista Higinio Rivero.

Os atletas David Casinos e Desirée Vila foron os encargados de conducir o acto, ao que asistiron os presidentes do Comité Paralímpico Español, Miguel Carballeda, e Luanvi, Vicente Tarancón, así como Juan Miguel Gómez, director da Fundación Trinidad Alfonso, e Pilar Bernabé, concelleira de Deportes do Concello de Valencia. Ademais, o presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco, interveu de forma telemática.

Tamén se contou coa participación en vídeo do artista Manolo Valdés, que fixo o deseño para unha das pezas, e do grafiteiro Pablo Borrasca, que representou en directo a chama da marca “Paralímpicos”. Como colofón, Antonio Orozco interpretou o tema “Giran y van”, dedicado a todos os deportistas con discapacidade.

En total, fabricáronse máis de 18.500 pezas: os traxes para o desfile da cerimonia inaugural, todo tipo de roupa para estar na Vila Paralímpica (camisetas, polos, chaquetas, suadoiros, pantalóns e zapatillas), a indumentaria coa que os deportistas subirán ao podio para recibir as súas medallas e tamén as bolsas e mochilas necesarias para transportar todo este material. Preparáronse equipamentos para unhas 700 persoas e empregáronse 22.279,2 metros de tea, alcanzando un peso global de 11.139,6 kg.

No evento tamén se presentaron as zapatillas para o desfile inaugural, que foron deseñadas pola firma alacantina Timpers. Trátase dun calzado exclusivo e conmemorativo do evento, no que destacan a bandeira nacional sobre o fondo branco e a palabra España escrita en braille.