A Xunta apoia o Concello de Nigrán na compra dunha furgoneta eléctrica para labores medio ambientais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o municipio de Nigrán para coñecer de primeira man o esforzo do Concello por unha xestión sostible e respectuosa co medio ambiente, unha tarefa para a que contou coa colaboración da Xunta, que nos últimos anos destinou a Nigrán máis de 92.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental.

Natalia Prieto valorou a aposta de Nigrán polas enerxías renovables coa adquisición dunha furgoneta eléctrica que contou cunha achega da Xunta de 28.800 euros. O Concello solicitou dita subvención para renovar a flota de vehículos diésel por outros eléctricos, tendo en conta, ademais, que o Concello dispón dun punto de carga de 22Kw/h.

Natalia Prieto comprobou xunto co alcalde, Juan González, que a furgoneta destinarase a labores medio ambientais substituíndo un vehículo diésel, o que permitirá desprazamentos máis sostibles dentro do municipio, e recordou que o Goberno galego destina este ano 11 millóns de euros ao Fondo de Compensación Ambiental, unha liña de axudas que financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

O Concello de Nigrán recibiu nos últimos dez anos máis de 1,3 millóns de euros das diferentes liñas de axudas abertas pola Administración autonómica para colaborar cos concellos na procura de melloras na calidade de vida da veciñanza.