O Sergas facilita as expresións de agradecemento da cidadanía aos profesionais da sanidade pública

Ante as numerosas mostras de agradecemento aos profesionais da sanidade que a cidadanía ten expresado durante esta pandemia sanitaria, o Sergas decidiu facilitar estas expresións de gratitude e recoñecemento distribuíndo diverso material para esta finalidade.

Esta acción se enmarca no “Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na pandemia de COVID-19”, e dentro da liña de intervención relacionada co recoñecemento do labor do persoal da sanidade por parte da poboación.

Así, nos últimos días, na Área Sanitaria de Vigo creáronse nos centros sanitarios uns “Espazos de agradecemento” e instaláronse 11 urnas e 14 paneis expositores. Xunto aos paneis hai carteis informativos con referencia a estes, e disponse de post-it para que os cidadáns podan escribir directamente unha mensaxe e pegala no mesmo. Tamén habilitouse unha dirección de correo electrónico para a cidadanía: grazasxtanto.vigo@sergas.es

Ademais, nas Unidades de hospitalización de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro puxéronse a disposición dos nenos e nenas ingresados, follas para que poidan realizar debuxos de agradecemento.

Plan de intervención Psicosocial

Este Plan ten por obxecto ofrecer un recoñecemento explícito ao persoal e dar, tamén, unha resposta unificada en todas as áreas sanitarias, para previr e minimizar as repercusións sobre a saúde e o benestar emocional dos profesionais que traballan nas institucións sanitarias do Sergas durante a crise sanitaria.

A pandemia da Covid creou unha situación imprevista e excepcional para toda a sociedade a nivel mundial con repercusións en moitas esferas da vida, entre elas as de carácter psicosocial.

O persoal do Sergas é susceptible de padecer todos os efectos adversos que a poboación xeral sufriu como consecuencia da pandemia, pero, ademais, exponse a factores de risco psicosocial específicos derivados das condicións de traballo subxacentes ao contexto de crise sanitaria. Por este motivo, e desde unha perspectiva integral da saúde, fíxose imprescindible adoptar medidas específicas para o apoio e atención de todo o persoal que desenvolve o seu labor na sanidade pública de Galicia, dando o mellor de si mesmos.