Gondomar obtén a Escoba de Prata por “facer do municipio unha contorna máis sostible”

O xurado da Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente (ATREGUS) deu a coñecer esta tarde o resultado da XVII edición do certame recoñecendo o importante traballo realizado polo Concello de Gondomar e a súa aposta por mellorar o coidado do medio ambiente e a sustentabilidade do municipio.

A acta do xurado outorga a Escoba de Prata a Gondomar “pola posta en marcha de novas accións e servizos destinados a facer do municipio unha contorna máis sostible, máis tecnolóxico e máis comprometido coa recollida selectiva e a reciclaxe”.

Desde o inicio da actual lexislatura estes obxectivos foron unha prioridade para o goberno e o seu departamento de Medio Ambiente, dirixido por Brais Misa, que desenvolveu numerosas campañas informativas e de concienciación sobre a xestión dos residuos á vez que se facilitaron os medios para poder poñelos en práctica.

Renovouse a frota da empresa encargada da limpeza e recollida de lixo, agora a cargo da UTE EcoGondomar, así como máis de mil contedores, sumando novos destinados a favorecer a división e reciclaxe dos residuos ou o reparto de preto de 300 composteiros individuais. Así mesmo investiuse máis de 70.000 euros na modernización, ampliación e reforma do Punto Limpo, que viu como o seu uso incrementouse nun 70 por cento o pasado ano, respecto ao 2019.

“Pasos que seguiremos dando para converter Gondomar nun referente de sustentabilidade e nun municipio que protexe o medio ambiente tentando lograr na próxima edición deste concurso a Escoba de Platino ou a de Ouro”, apunta o rexedor.

Os Premios Escoba outórganse cada dous anos, e con eles ATREGUS recoñece a aquelas institucións e organismos que máis destacan polas súas iniciativas para mellorar aspectos relacionados coa xestión dos residuos urbanos, a limpeza ou o aseo urbano en xeral das nosas cidades e industrias, premiando os esforzos para estimular avances tecnolóxicos e de concienciación, que sirvan para mellorar a calidade de vida e sustentabilidade dos municipios.