A Xunta pon en marcha o seguro coronavirus para turistas e peregrinos

No marco das medidas inseridas no programa Galicia Destino Seguro, o Consello da Xunta de Galicia deu conta da posta en marcha do seguro coronavirus que está vixente desde o comezo do mes de xuño para todos os viaxeiros (turistas e peregrinos) non residentes en Galicia que viaxen Galicia e que se aloxen nun establecemento autorizado, é dicir, aqueles recollidos na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, con reserva durante a súa estancia no período de cobertura do seguro.

Tamén están considerados como asegurados os peregrinos entendidos como as persoas físicas non residentes en Galicia que estean realizando o Camiño de Santiago, ben sexa a pé, a cabalo ou ben en bicicleta, e que conten coa credencial de peregrinos e con, polo menos, unha noite nun albergue ou hospedaxe da Comunidade Autónoma.

A póliza foi adxudicada é empresa Europ Assistance por importe de 1.054.000 euros para un período de 12 meses, o que permitirá que a póliza complementaria estea vixente ata o 31 de maio de 2022, con posibilidade de prorrogarse por un máximo de nove meses se houber necesidade. A medida abarcará, por tanto, aos 2,5 millóns de visitantes previstos nun ano ata que venza a póliza, sen prexuízo dos axustes se a cifra definitiva for maior ou menor.

Entre as coberturas que oferta este seguro atópanse os gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización incluída a Covid-19 ata os 5.000 euros; así como repatriación sanitaria ou por falecemento por Covid-19, ademais da prolongación de estadía por corentena con gastos ilimitados.

A cobertura prestarase de forma automática sen que sexa preciso que os visitantes teñan que solicitar o seguro. Terán que notificar a enfermidade a través do teléfono +34 915 149 959, e agardar a autorización correspondente para beneficiarse do seguro.

Medida pioneira

O informe recolle, ademais, que esta medida se considerou necesaria na medida en que comezou a mellora da situación sanitaria e o proceso de recuperación da demanda turística. Neste contexto, desde o Goberno galego faise preciso seguir avanzando neste proceso de recuperación da confianza do viaxeiro coa posta en marcha dun seguro de asistencia na viaxe complementario aos seguros das viaxes propios. Deste xeito, Galicia volve situarse á vangarda da posta en marcha de medidas eficientes no proceso de recuperación do turismo, tanto pola súa eficacia coma pola súa anticipación.