A Xunta adxudica por preto de 1,5 millóns a renovación do firme na PO-552 e na PO-325

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por preto de 1,5 millóns de euros a execución das obras de renovación integral do firme en máis de 30 quilómetros da estrada autonómica PO-552 e nun treito da PO-325, ao seu paso polos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo, Nigrán e Baiona.

As actuacións, que foron adxudicadas á Unión temporal de empresas Civis Global S.L.U. – Narom S.L., contan cun prazo de execución de 4 meses, coa previsión de inicialas este mesmo verán. No marco da actuación, acondicionarase a capa de rodadura en toda a lonxitude da PO-552, en 30,4 quilómetros, reforzando a seguridade viaria.

Deste modo, deseñouse unha actuación diferenciada, segundo o estado do firme nas diversas zonas, que beneficiará principalmente ao termo municipal de Oia, xa que se renovará a senda peonil. Nos treitos entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+730, 2+380 e 2+950, e 17+040 e 44+400 procederase ao fresado do firme e á reposición da calzada coa correspondente rega de adherencia.

Carril-bici entre Baiona e A Guarda

Paralelamente, este contrato inclúe a reposición do revestimento rugoso do carril-bici con capas de resina sintéticas, pintándose de novo no treito entre Baiona e A Guarda para que recupere a súa cor orixinal. Ao mesmo tempo, demoleranse os treitos de beirarrúas en mal estado para a súa reconstrución.

Na estrada PO-325 actuarase entre os puntos 9+670 e 9+760 e desde o 15+000 ata 15+800 con fresados e reposición do pavimento e, ao igual que na PO-552, procederase ao pintado de todas as marcas viarias horizontais e das zonas cebreadas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.