Retiran 18 quilos de lixo da contorna do CEIP Xosé Neira Vilas de Peitieiros

Gondomar súmase este 8 de xuño á celebración do Día Mundial dos Océanos e faino da man de novas xeracións que apostan pola limpeza e retirada de residuos como un primeiro paso para evitar que cheguen aos nosos mares, aos nosos océanos.

A comunidade educativa do CEIP Xosé Neira Vilas de Peitieiros despide a semana dedicada ao medio ambiente cunha recollida de lixo ao redor do centro, que permitiu recoller un total de 18 quilos, plásticos e anacos de tubaxes.

Con esta acción aportan o seu gran de area ao día mundial dos océanos ao evitar que eses residuos, por un medio ou outro, cheguen ata o mar.

Lembremos que o océano cobre máis do 70% do planeta. É a nosa fonte de vida e o sustento da humanidade e de todos os demais organismos da terra, e produce polo menos o 50% do osíxeno do planeta.