O PP denuncia o estado de “total abandono” do talaso natural de Monte Boi

O Partido Popular de Baiona lamenta que por segundo ano consecutivo PSdeG, BNG e Nós vaian privar aos veciños de gozar do talaso natural situado na antiga cetaria de Monte do Boi, “a xulgar polo seu estado de total abandono en pleno mes de xuño”. “En 2020 non o puxeron a funcionar amparándose na escusa da pandemia e este 2021 parece que teñen a mesma intención. O desprezo do goberno tripartito de Baiona polo municipio e a súa contorna natural é tan serio como preocupante”.

O anterior goberno popular creou este complexo curativo en 2018 para que funcionase desde abril a outubro de forma gratuíta para todos os veciños de Baiona. A súa posta en funcionamento e o seu uso posterior foi todo un “éxito” dadas as propiedades terapéuticas beneficiosas para a saúde. Único en Galicia, está recollido no Proxecto Poseidón e recibiu o prestixioso galardón “The Best of Top 100 Destinations” na súa categoría “Best of Seaside” (o mellor da zona costeira) outorgado en marzo de 2019 en Berlín pola organización internacional Green Destinations. Con todo, e a pesar dos recoñecementos e a demanda cidadá, ao 8 de xuño continúa parado, desinstalado e, probablemente, estragado pola ausencia total de mantemento. “En 2020 utilizaron a pandemia como escusa e en 2021 xa pasaron seis meses e non tiveron tempo de poñelo a punto”, reprenden os populares que se preguntan “se é que o Alcalde vai abrilo só para os turistas”.

Aínda que tarde, o grupo municipal popular insta o rexedor, Carlos Gómez, a reactivar este talaso canto antes para que os veciños poidan beneficiarse das súas propiedades curativas e, ademais, para non deixar que unha hidromasaxe natural tan exclusiva como esta acabe no esquecemento máis absoluto.