Nigrán adquire 200 novos composteiros individuais para repartir entre a veciñanza

O Concello de Nigrán vén de adquirir 200 novos composteiros individuais para repartir gratuitamente entre a veciñanza que o solicite no mail secretariap@nigran.org ou no teléfono 986365000. Os interesados deben estar empadroados no municipio e contar con finca ou xardín, ademais de non ter recibido outro anteriormente. Xunto cos composteiros, que comezarán a entregarse este mércores 9 de xuño, recibirán unha folla explicativa para a súa correcta xestión. A entrega realizarase segundo rigorosa orde de inscrición ata esgotarse a remesa.

O Concello de Nigrán entregou nos anos pasados outras 200 unidades entre os veciños que o solicitaron. Trátase dun obxectivo do goberno local o incentivo deste tipo de tratamento dos residuos orgánicos en cada fogar. “É unha solución perfecta dentro da denominada economía circular e un apoio para o desenvolvemento das estratexias ODS (obxectivos de desenvolvemento sostible), polo que seguiremos repartindo máis unha vez se rematen estes”, garante o edil de Medio Ambiente, Diego García.