Baiona acolle esta fin de semana o Campionato de España de Motos Acuáticas

O Campionato de España de Motos Acuáticas celebrarase os días 12 e 13 de xuño na Vila de Baiona, formando parte do calendario de competición de 2021 por concesión da Real Federación Española de Motonáutica á Real Federación Galega, tendo por principal anfitrión e patrocinador do evento ao Excmo. Concello de Baiona, así como Deporte Galego da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Efectos Navales Jesús Betanzos e masquenautica.com, o apoio loxístico do Porto Deportivo Baiona, o Club Náutico Portonovo e a colaboración do Consello Superior de Deportes, LaLiga Sports, Tierra y Mar Multiaventura, Jet&Bike, Murimar Seguros e TacTic Audiovisual.

As dúas modalidades de competición que se poñerán en escena son o Rallyjet e o Offshore, destinadas ás categorías GP1, GP2 e GP4, as dúas primeiras cun maior percorrido en distancia, sendo a terceira algo menor debido ás súas condicións técnicas e que só disputará o Rallyjet.

A gran cita foi presentada esta mañá no Salón Principal do Concello de Baiona, un acto presidido polo seu Alcalde, Carlos Gómez, e ao que asistiron o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; a Deputada Provincial, Iria Lamas; o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández; e a concelleira de deportes de Baiona, Miriam Costas.

Todos os relatores coincidiron en destacar a relevancia do evento motonáutico en Baiona, tras o éxito do celebrado o paso ano, a mediados de xullo, e que foi o verdadeiro detonante para que a Real Federación Española de Motonáutica volvese elixir as augas da enseada baionesa.

Pechado o prazo de inscricións, confirmaron a súa participación 70 pilotos de toda España, que comezarán a chegar á vila de Baiona a partir do xoves.

RALLYJET

O Rallyjet é unha modalidade que se desenvolve baixo un deseño técnico entre boias, cunha distancia por volta en torno ás 3,4 millas (algo máis de 6 km.) e sobre o que terán que trazar varias voltas ata completar 25 minutos de tempo establecido, engadindo unha máis.

A lámina de auga sobre a que se instalará esta proba será as inmediacións das praias de Santa Marta, A Ladeira e Praia América, estendéndose o circuíto polo interior da Enseada de Baiona sen interferir en ningún momento o tráfico marítimo, tanto do transporte de ría, porto pesqueiro e usuarios das mariñas contiguas.

Este primeiro día do Campionato de España de Motos Acuáticas rexerase baixo os seguintes horarios:

Sábado, 12 de xuño de 2021.-

  • 08.00 – 09.30 h. Verificacións administrativas e técnicas
    ( Rallyjet e Offshore)
  • 09.30 – 10.00 h. Breafing Rallyjet.
  • 11.00 – 14.00 h. Primeira proba Rallyjet
  • 14.00 – 15.00 h. Comida.
  • 15.00 – 18.00 h. Segunda proba Rallyjet.
  • 19.00 h. Entrega de Premios Rallyjet

OFFSHORE

A proba Offshore é un conxunto de percorridos longos ata completar preto de 100 millas náuticas (uns 185 km.), onde a resistencia é o hándicap tanto para pilotos como para máquinas.

Tanto a preparación física como unha excelente posta a punto das motos de auga son esenciais para poder completar todos os trazados, que nesta xornada dominical levará aos participantes desde Baiona ata a Ría de Pontevedra, Ría de Vigo e Enseada de San Simón, realizando as categorías GP1 e GP2 o trazado completo de ida e volta pola Costa da Vela, e dúas voltas á de Baiona e San Simón para os primeiros e tan só unha para os segundos.

Este segundo día do Campionato de España de Motos Acuáticas rexerase baixo os seguintes horarios:

Domingo, 13 de xuño de 2021.-

  • 09.00 – 10.00 h. Breafing Offshore
  • 10.30 h. Pilotos á auga.
  • 11.00 h. Saída Offshore
  • 15.00 h. Entrega de premios