O CEIP Belesar estrea a súa aula da natureza

O vindeiro mércores día 9, os alumnos do CEIP de Belesar farán a estrea oficial da súa aula da natureza. Un espazo construído polas familias na ladeira do monte da Groba, nunha parcela idílica de carballos e castiñeiros con vistas infinitas ao mar. A aula é un exemplo claro de economía colaborativa e comunitaria, co traballo de familias e mestres, a cesión da parcela pola Comunidade de Montes de Belesar, e a inestimable axuda de dúas empresas da zona: Sergio Míguez e Construcciones Cristian Lorenzo, conseguiuse unha infraestrutura a custe cero cunha incrible acollida polos rapaces e unha gran demanda entre os profesores.

Para celebralo os rapaces recibirán unha clase moi especial pero non só de ciencias naturais, tamén de historia, da súa historia e a do seu monte. Coa axuda de Lorenzo Misa, comuneiro, e Xilberte Manso, do Instituto de Estudos Miñoráns, os rapaces aprenderán sobre o patrimonio arqueolóxico, ecolóxico e etnolóxico da Groba. Pero tamén sobre o que implica ser comuneiro nun Monte Veciñal en Man Común, unha forma de propiedade tradicional e milenaria que practicamente só se conserva se Galicia e Norte de Portugal. Esta forma de propiedade recoñece a importancia do monte no seu conxunto para a comunidade e por tanto dá prioridade á xestión colectiva e democrática do mesmo.

Unha reliquia do pasado que tivo que loitar contra todo tipo de réximes políticos para chegar ata o alumnado. Na clase do mércores os rapaces coñecerán, incluso de primeira man, a historia das loitas dos seus devanceiros, contra a expropiación legal (s XIX) ou de facto (s XX), contra amortizacións e plantacións, políticos e ditadores. Loitas que mesmo pagaron co cárcere pero que finalmente fixeron recuar a unha ditadura ata recuperar o seu patrimonio. Aprenderán tamén como xa en democracia sobre este monte edificouse o seu colexio e como agora colexio e monte están mais vencellados con esta aula. Tal vez a clase do mércores, máis que unha clase sexa unha primeira toma de conciencia da responsabilidade que herdarán nun futuro próximo como comuneiros. Ogallá sexa así.