O vigués Pablo Pazó e o gondomareño Ezequiel Salgueiro vencen no RallySpirit

FOTO: XRACING // O Talbot Sunbeam Lotus de Pablo Pazó e Ezequiel Salgueiro.

O vigués Pablo Pazó e o gondomareño Ezequiel Salgueiro venceron o RallySpirit Altice 2021 na categoría de Históricos co seu Talbot Sunbeam Lotus e un tempo de 30.33,4 minutos, repetindo o triunfo de 2018. Rui Ribeiro e Pedro Fernandes foron segundos co seu Ford Escort MK2, a +21,7 segundos dos gañadores, mentres que Joaquim Costa e José Costa pecharon o podio, a +1.36,7 minutos co seu Ford Escort MK1.

Tras un ano de ausencia forzada pola pandemia, RallySpirit Altice volveu a Barcelos. O evento “Rally-Legends” máis emblemático que se celebra en Portugal e un dos máis populares de Europa volveu atoparse cos amantes do motor. Unha sexta edición cargada de emocións, a pesar de estar disputada baixo estritas medidas de seguridade, de acordo coas directrices protocolares da Dirección Xeral de Saúde, e que contou cun total de 80 equipos.

A proba arrancou o venres pola mañá cun shakedown no camiño cara a Franqueira, un roteiro con 4,7 km de ascenso entre Carvalhal e o santuario para os últimos axustes. Pola tarde, o primeiro coche arrancou ás 15:03 horas para a especial “Barcelos 1”, con saída en Rio Côvo Santa Eulália e finalización en Chorente. Despois deste percorrido cronometrado de 9 km, os corredores dirixíronse á zona de Santo Tirso e Vila Nova de Gaia para tres especiais máis.

O sábado, a primeira especial comezou en Laúndos e finalizou en Macieira de Rates. Os pilotos procederon á cualificación “Barcelos 2”, e logo volveron a Franqueira. Tomando a mesma ruta que o día anterior, pero en sentido contrario. Reuníronse logo no campo da feira e, pola tarde, dirixíronse a Laúndos e Franqueira.

O punto de exhibición máis grande estivo reservado para a última especial RallySpirit. “Boucles Barcelos” volveu cun city circuíto en Arcozelo. Esta especial de 9,6 km xogouse en sistema de persecución e estivo aberta ao público, pero as zonas de exhibición estiveron limitadas e controladas para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias vixentes.

O final da carreira situouse na Avenida da Liberdade, onde se coroou ao máis rápido.