Nigrán volve ofrecer aos negocios do municipio o servizo gratuíto de entrega a domicilio

O Concello de Nigrán ofrece unha vez máis o servizo de reparto gratuíto para todos os negocios do municipio do 10 de xuño ao 10 de outubro como fórmula de apoio ao comercio local. Novamente, o Concello asume as custas do envío a domicilio mediante a contratación propia do servizo no termo municipal. Este funcionará de mércores a sábados de 13:00 a 15:00 horas e de 21:00 a 23:00 horas e os domingos de 13:00 a 15:00 horas, coa novidade de que mércores e xoves inclúe non só ao sector da restauración, se non calquera tipo de negocio de Nigrán aínda que non sexa hostaleiro (volume transportable no caixón dunha moto). Como nas anteriores ocasións, os pedidos mínimos son de 15 € e cínguense ao termo municipal sen incluír a xestión dos cobros nin envíos de pedidos contratados a través de plataformas privadas.

Os negocios interesados en participar deben solicitalo no correo comunicacion@nigran.org. Con todos os que se adhiran a este servizo gratuíto o Concello elaborará novamente unha guía e a difundirá entre a veciñanza. De venres a domingo estará operativo só para a hostalaría tendo en conta a particularidade deste sector e as restricións que viu sufrindo.

A localidade repite así o modelo que levou a cabo durante os sucesivos peches sanitarios forzosos, asumindo as custas do reparto a domicilio ao ser consciente de que é unha medida máis de apoio ao comercio local que se encadra na campaña “#EuSonDeMercarEnNigrán, e ti de quen vés sendo?”.