Gondomar celebra este domingo o Corpus Christi

A celebración do Corpus Christi recupera este ano a tradición que se remonta a 50 anos e que o pasado ano viuse interrompida como consecuencia da pandemia. Dúas agrupacións participarán na confección de tapices florais ante a igrexa de San Bieito e a Praza da Paradela. A Asociación de Mulleres Rurais e o Club de Patinaxe Artística traballaron sen apenas descanso durante toda a semana para ter preparado todo o material co que darán forma aos tapices de flores que lucirán este domingo en Gondomar.

“Recuperamos, aínda que sexa de forma reducida e simbólica, unha das nosas tradicións máis queridas”, asegura o alcalde, Paco Ferreira, quen lembra que tamén se celebrará a procesión que realizará o seu percorrido habitual desde San Bieito pasando por Eduardo Iglesias ata a Praza da Paradela, onde se fará a ofrenda correspondente, para posteriormente retomar o seu camiño pola rúa Manuel Losada dirección de novo á igrexa, acompañada pola Banda de Música de Vincios.

Os integrantes de ambas agrupacións traballarán durante parte da noite no deseño e confección destas alfombras tan especiais que serán menos que en anos anteriores: unha no acceso principal á igrexa de San Bieito e a segunda na Praza da Paradela.