Galicia xa ten novos Campións de A Dous

Galicia xa ten novos Campións de A Dous en todas as categorías postas en liza neste 2021. O Trofeo MRW, celebrado este sábado nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Yates, revelou os nomes das que, desde hoxe, son oficialmente as mellores parellas de regatistas de Galicia.

O equipo formado por Rui Ramada e Pedro Serodio a bordo do Yess Racing alzouse vencedor da competición na clase ORC, na que competiron 19 barcos, levándose o título de Campión Galego desa categoría. Na clase J80, os novos campións galegos de A Dous son Fernando Yáñez e Ignacio Sánchez Otaegui tras vencer, a bordo do Cansino, aos 18 aspirantes ao título dos monotipos.

Este ano, a novidade da proba autonómica foi que a Real Federación Galega de Vela creou, a pedimento do Monte Real, dúas novas distincións no marco do campionato, unha feminina e outra mixta.

No apartado feminino de J80, a mellor tripulación foi a formada por Marta Ramada e Dunia Reino a bordo do Miudo; e entre os veleiros mixtos, tripulados por unha parella de home – muller, no marco da clase ORC, impúxose o equipo de Víctor Carrión e Ana Sardiña, do Bon III.

O percorrido do Campionato Galego de A Dous deste 2021 foi un trazado desde Baiona ata as proximidades da illa de Ons, onde os veleiros tiveron que virar o Faro Camouco antes de emprender regreso a Baiona. Ante a posibilidade de que caese a intensidade do vento, o comité de regata decidiu acurtar o percorrido previsto inicialmente e colocar a liña de chegada ao sur do arquipélago de Cíes, no illote de Viños.

Foron unhas 27 millas de navegación que ofreceron múltiples escenarios ás tripulacións. Os 37 veleiros saíron cun vento xustiño, de 5 nós do oeste, pero suficiente para chegar ao sur de Cíes, onde lles agardaba o peor tramo de todo o percorrido. Alí, unha encalmada deixou estancada a practicamente toda a frota durante un bo tempo, pero unha vez empezou a entrar o vento a cousa non fixo máis que mellorar.

Desde esa zona ao sur de Cíes ata o Faro Camouco en Ons as tripulacións subiron a bo ritmo, impulsadas por uns 11-12 nós e o mar como un prato, e a baixada de novo a Cíes, onde se colocou a liña de chegada, foi mesmo máis fácil, con 12-13 nós e picos de ata 15.

Ademais dos títulos autonómicos de A Dous, a competición rendeu homenaxe ao que fora presidente do Monte Real Club de Yates durante máis de 40 anos, Don Rafael Olmedo Limeses; e decidiu aos gañadores do Trofeo MRW nas categorías de ORC, ORC OPEN, Fígaros e J80.

O premio do VII Memorial Rafael Olmedo, entregado por Mauro Olmedo, compartírono o Yess Racing (Rui Ramada e Pedro Serodio), gañadores da xeral en ORC; e Fernando Yáñez e Ignacio Sánchez Otaegui (Cansino), gañadores da xeral en J80.

En canto ao Trofeo MRW, os vencedores das diferentes clases foron as parellas formadas por Rui Ramada e Pedro Serodio (ORC), Javier Rey e Jorge Justo (ORC OPEN), Alejandro Retolaza e Roy Alonso (FÍGARO); e Fernando Yáñez e Ignacio Sánchez Otaegui (J80).

Unha vez finalizada a regata, os xardíns do Monte Real Club de Yates albergaron a entrega de premios aos gañadores, na que participaron o presidente do club baionés, José Luis Álvarez; e Santos Almeida en nome de MRW, patrocinador da competición.

As administracións autonómica e provincial estiveron representadas polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa e o deputado de deportes de Pontevedra, Gorka Gómez. O evento tamén contou coa presenza de Mauro Olmedo, un dos fillos do ex presidente do MRCYB, Don Rafael Olmedo, ao que se dedicou a competición; e do secretario da clase J80 en Galicia, Luis de Mira, en substitución do presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, que non puido asistir.