Últimos días para solicitar axudas do segundo plan de rescate municipal á hostalaría e o taxi de Nigrán

O Concello de Nigrán pecha o 10 de Xuño o prazo para solicitar as axudas do segundo plan de rescate municipal ao sector hostaleiro e do taxi (o plan é compatible co primeiro, os mesmos beneficiarios poden solicitar de novo esta axuda). O goberno local consignou a este fin 120.000 € do Remanente de Tesourería que se suman aos outros 120.000 € do primeiro plan, aos que se engadirán 60.000 € dun terceiro rescate municipal para outros sectores especialmente afectados pola crise sanitaria.

As bases deste segundo plan de rescate municipal (BOPPO número 88 e penduradas da web http://www.nigran.es) son máis ambiciosas cas primeiras ao incrementar de 70 € a 400 € a axuda a cada taxista empadroado en Nigrán (sendo a axuda por cada vehículo ao seu nome e independentemente da localidade onde teña expedida a licenza, a diferenza da anterior convocatoria). Por outra banda, no sector hostaleiro auméntanse o número de posibles beneficiarios dentro dun mesmo negocio. «Criterios como o empadroamento, localización do establecemento e domicilios fiscais foron revisados para poder de verdade chegar a gran maioría do sector do taxi e da hostalaría, dando así un paso máis», resume González.

Así, segundo se contempla, as persoas beneficiarias son os autónomos ou empresas do sector hostaleiro afectados polo peche ou limitacións sanitarias de 2021 cunha axuda de 1.000 €; os desempregados sen prestación que tiveran un contrato neste sector entre o 20/10/2020 e a actualidade novamente con 750 € e, finalmente, os mencionados taxistas empadroados con 400 € por cada vehículo ao seu nome. A principal novidade na restauración é que se teñen en conta como beneficiarios tamén aos autónomos colaboradores (independentemente da localidade onde desenvolvan o seu traballo, o requirimento é estar empadroado en Nigrán) e aos diferentes socios dun mesmo negocio situado no termo municipal de Nigrán. Como no primeiro plan de rescate, as axudas son compatibles con calquera outra concedida polas distintas administracións e mesmo coas anteriores do Concello.