Baiona abre o prazo de solicitudes da liña de axudas á hostalería, restauración e comercio

O Concello de Baiona informa de que, unha vez pasados os prazos administrativos de exposición pública e para a presentación de alegacións, mañá comeza o prazo de presentación de solicitudes da liña de axudas aos sectores da hostalería, restauración e comercio, cunha contía fixa de 500 €, que serán resoltas por orde de entrada no Rexistro do Concello.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe as bases definitivas das axudas polo que todas as persoas interesadas poderán solicitalas a partir de mañá, sábado 5 de xuño, a través da sede electrónica do Concello de Baiona. A partir do luns, día 7 de xuño, poderán realizar ditas solicitudes a través do Rexistro Xeral de entrada do Concello de Baiona en horario de 9:00 a 13:00 horas, para o que é necesario solicitar cita previa no teléfono 986 356 779. O 16 de xullo terminará o prazo para a solicitude destas axudas.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que quixo mostrar o seu apoio aos sectores da hostalería, restauración e comercio con esta proposta firme, a de destinar 100.000 € do remanente de tesourería en axudas directas á hostalería e ao comercio e a exención das taxas de terrazas do ano 2021, que ascendería a 90.000 €. “Trátase de acompañar e de apoiar a estes sectores nesta situación complicada, para que a travesía sexa menos difícil, e de adoptar xuntos decisións que permitan dinamizar a economía local, de forma que podamos saír reforzados”, conclúe Gómez Prado.