Podemos e EU piden a participación de artistas, comercios e hostalería locais no Vive Nigrán 2021

As agrupacións locais de Podemos e Esquerda Unida demandan que o festival por excelencia do Concello de Nigrán promova e apoie aos sectores máis afectados economicamente polas restricións da pandemia, como son o cultural, o hostaleiro e o de comercio.

Especialmente sensible é a situación das persoas que se dedican á música e o espectáculo de forma local, polo que instan o Goberno Local a que se abra un proceso de selección entre as mesmas, co obxectivo de que o cartel do festival se peche con actuacións de artistas da zona.

De igual modo cren que o comercio e a hostalería local deberían ter presenza neste evento. Manifestan que o máis coherente e de urxente necesidade sería reforzar as campañas publicitarias que se lanzan desde o Concello de Nigrán en apoio ao comercio local, facilitando a colocación de stands no recinto do festival aos establecementos locais destes dous sectores que así o requiran e deixar a autopropaganda electoral como a absurda obrigatoriedade que recollían as bases de axudas ao sector hostaleiro de mostrar publicamente e en lugar visible un documento con selo e timbre, podendo isto afectar negativamente á imaxe dos negocios que necesitan máis un respiro que converterse en meros valos publicitarios.

Esperan que o Goberno local predique co exemplo e mostre unha verdadeira implicación cos sectores que viron minguada seriamente a súa economía en consecuencia da Covid-19.