Nigrán aproba investimentos por 3,1 millóns de euros con cargo ao Remanente de Tesourería

O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario deste luns, e sen o apoio da oposición do Partido Popular, o investimento de 3.150.210 € do Remanente de Tesourería en novas infraestruturas e servizos para Nigrán. Entre estas figuran os cartos para levar adiante a humanización das rúas Otero Pedrayo e Manuel Lemos, o financiamento da terapia canina para o CEE Juan María, a contratación de dúas persoas para o departamento de Servizos Sociais ou a redacción de senllos proxectos para completar a musealización do castro de Chandebrito e para construír un novo pavillón municipal no IES Val Miñor que complemente ao actual. Adicionalmente, o rexedor informou da consignación mediante decreto de alcaldía de 150.000 € para a compra de alimentos e produtos de hixiene e limpeza destinados a familias afectadas pola crise do covid, tal e como fixo o ano pasado.

“Temos unhas contas moi saneadas e o goberno do Estado nos permite despois de moitos anos investir o noso remanente no que a veciñanza precisa despois de moito tempo agardando”, explicou o alcalde, Juan González, quen reprendeu á oposición por non apoiar o que considera “de gran interese para a cidadanía e para o futuro de Nigrán”.

Pavillón

O goberno local expón construír un novo pavillón municipal no recinto do IES Val Miñor para uso público e do propio alumnado. Con este obxectivo, o goberno local consignou no pleno ordinario de onte 14.890 € do Remanente de Tesourería para a redacción do proxecto. O investimento previsto, non superior aos 300.000 €, permitirá liquidar os problemas de compatibilidade de actividades no actual Pavillón Municipal de Panxón e, ao mesmo tempo, dotar ao centro educativo dunha infraestrutura de verdade acorde ás súas necesidades.

“O pavillón de Panxón resulta claramente insuficiente para todas as actividades que alí se desenvolven e, por outra banda, esta é unha demanda histórica do IES Val Miñor que actualmente nin sequera por protocolo Covid pode usar a aula que ten a ese fin, así que rendibilizaremos ao máximo a infraestrutura”, explica o alcalde, Juan González.