Correos reactiva o transporte de mochilas no Camiño Portugués

Os peregrinos que realicen o Camiño Portugués desde Tui e A Guarda poderán volver camiñar sen cargar coa súa equipaxe grazas ao Paq Mochila de Correos desde hoxe, 1 de xuño. Tras o fin do estado de alarma e a apertura das fronteiras das comunidades autónomas, Correos volveu a poñer en marcha o seu Paq Mochila nas principais rutas do Camiño de Santiago, o servizo co que transporta as mochilas e maletas dos peregrinos dun aloxamento a outro.

Desde hoxe, 1 de xuño, o servizo está dispoñible no Camiño Portugués desde Tui e A Guarda, no Camiño Sanabrés desde Ourense, no Camiño Primitivo desde Oviedo, no Camiño do Norte desde Irún, no Camiño Francés desde Roncesvalles e Somport, no Camiño Inglés desde Ferrol, no Camiño de Inverno desde Ponferrada e no de Fisterra e Muxía.

O carteiro pasará a partir das 8:00 da mañá para recoller a equipaxe dos peregrinos que reserven este servizo no aloxamento indicado e deixarao no seguinte antes das 14:30 horas. Ademais, o Paq Mochila incorpora un sistema de notificacións polo que o peregrino recibirá no seu correo electrónico un aviso de recollida e entrega da equipaxe, permitindo que realice a súa etapa sen preocupacións e libre de cargas.

O servizo Paq Mochila de Correos desenvólvese tendo en conta todas as recomendacións sanitarias e as indicacións dos diferentes protocolos publicados polas administracións para garantir a seguridade no Camiño de Santiago.

Correos extremou as medidas de seguridade en todos os seus servizos para protexer a traballadores e clientes. Conta coa certificación de AENOR, que recoñece que as medidas preventivas, procedementos e protocolos de actuación implantados pola compañía fronte ao risco de Covid-19 axústanse ás instrucións das autoridades sanitarias competentes na materia..

Ademais, Correos facilitará ao máximo a reserva e pago en liña do servizo, para evitar o pago en metálico: o Paq Mochila poderá contratarse na web http://www.paqmochila.com a través dun sinxelo formulario dispoñible en nove idiomas.

Servizos de Correos no Camiño de Santiago

Durante este Xacobeo 2021-2022, Correos pon ao dispor de todos os peregrinos servizos específicos para resolver as súas necesidades de transporte. Ademais do Paq Mochila, o Paq Peregrino –envío de maletas e paquetes a calquera punto do Camiño de Santiago- ou o Paq Bicicleta, un servizo de envío de bicicletas ao comezo do roteiro ou de volta ao finalizar o Camiño.

Ao chegar a Santiago de Compostela, os peregrinos tamén poden beneficiarse do servizo de consigna que Correos ofrece na oficina de Rúa do Franco, 4, a dous minutos da Praza do Obradoiro.

Toda a información sobre estes e outros servizos de Correos para o Camiño de Santiago está dispoñible na páxina web http://www.elcaminoconcorreos.com, onde o peregrino tamén poderá atopar onde durmir nun buscador con máis de 4.000 aloxamentos, descrición das Rutas Xacobeas máis populares e máis de 300 consellos de que ver e facer no Camiño por parte dos carteiros.