Pitada en Baiona contra o regulamento europeo de control da pesca

A frota de baixura de Baiona sumouse este venres á parada convocada en Galicia en sinal de protesta polo regulamento europeo de control da pesca, cunha pitada xeral nas proximidades do porto pesqueiro. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, no que lle expuxo os principais asuntos de interese do sector marítimo-pesqueiro galego e lle trasladou que considera disparatada a pretensión do Executivo comunitario de facer obrigatoria a instalación de cámaras de videovixilancia a bordo da frota europea por entender que se trata dunha medida que criminaliza ao sector.

A representante do Goberno galego, que estivo acompañada por tres membros do grupo de traballo do Consello Galego de Pesca sobre o brexit, describiulle a realidade da frota artesanal galega e advertiulle de que este tipo de decisións adoptadas por Bruxelas, que xeran rexeitamento no sector, afastan aos profesionais da pesca das institucións pois demostran falla de coñecemento da súa realidade e complican en gran medida o seu labor diario. Ese é o motivo, precisamente, de que o sector pesqueiro galego convocara estas protestas en contra dos plans en materia de control das institucións comunitarias.

Rosa Quintana abordou durante o encontro distintas cuestións que xeran malestar e preocupación entre o sector pesqueiro galego en relación coa modificación do regulamento europeo de control da pesca, pois inclúe medidas que se pretenden aplicar ao conxunto da frota como a videovixilancia a bordo -que incluso pode chocar coa intimidade do traballo a bordo e coa protección de datos dos mariñeiros-, a xeolocalización dos buques ou a notificación dixital das capturas antes da chegada a porto.

No referente á videovixilancia a bordo, a conselleira mesmo lembrou que tanto a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo como outros actores do sector son máis partidarios de que esta medida sexa voluntaria -cun sistema de incentivos para a súa instalación- ou obrigatoria como sanción para aqueles que cometan algunha infracción grave da normativa pesqueira, unhas opcións que terían unha maior aceptación no sector.

A titular de Mar insistiulle á responsable do Executivo comunitario en que este tipo de medidas son negativas para a baixura galega pois supoñen maior burocracia e non implican unha mellora no control da súa actividade. É o caso da xeolocalización das embarcacións de menos de 12 metros de eslora, sobre a que Galicia defendeu en todo momento a exclusión da baixura desa obrigatoriedade posto que o dispositivo supón un custo importante para a frota e trátase de embarcacións perfectamente controladas ao atoparse preto da costa.

Outro dos aspectos que Galicia considera negativos da proposta de regulamento de control é a obriga de rexistrar dixitalmente as declaracións de capturas nas embarcacións de menos de 12 metros antes da súa chegada a porto. Esta exixencia, incidiu a conselleira do Mar, afectaría a moitas embarcacións que realizan mareas inferiores a 24 horas e tamén ao marisqueo, en moitos casos cun único tripulante a bordo, o que complica a súa operatividade e supón maior burocracia duplicando a notificación previa ao desembarque.

Ante esta situación e o malestar xerado no conxunto do sector pesqueiro galego e, de xeito especial, na frota artesanal, a representante do Executivo galego demandou melloras durante o proceso de negociación no marco dos trílogos -Comisión Europea, Eurocámara e Consello Europeo- para deseñar un regulamento de control máis adaptado á realidade da frota e que non criminalice ao sector.