Podemos Nigrán mostra a súa disconformidade “coa dilapidación dos aforros do erario público local”

Podemos Nigrán alenta á veciñanza a que asistan á sesión plenaria de mañá luns, a fin de que se coñeza a situación financeira na que quedarán as arcas municipais do Concello unha vez que se aproben no pleno dúas novas modificacións de crédito a cargo do remanente por valor de 655.375,00 € e 3.150.210,37 € respectivamente.

O goberno local suma así catro modificacións de crédito por valor de 7.261.692,11 euros, gastándose o 75% dos 9.560.096,78 euros do remanente de tesourería do ano 2020. “Modificacións que se destinan a sufragar gastos de bens correntes e a realizar actuacións de dubidosa vixencia legal, como é o pago de contratos emitidos verbalmente entre o alcalde e empresas concesionarias”, afirman desde a formación morada.

Podemos recorda que os anteriores expedientes de modificación de crédito 7/21 e 8/21 foron aprobados na precedente sesión plenaria, a pesar de ter informes de intervención en contra, nos que se manifestaban diversas accións de dubidosa legalidade, e pouca transparencia por parte do Goberno Local.

De modo que dende a agrupación local esperan que estas novas modificacións sexan debidamente xustificadas e motivadas mañá por parte do alcalde, que non se estean a cometer presuntas ilegalidades coa a súa aprobación, tal como se desprenden dos distintos informes de intervención.

De non ter resposta por parte do alcalde na sesión plenaria, dende Podemos Nigrán valorarán remitir as contas municipais ao Tribunal de Contas.