Teatro do Ar mención especial nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven de Coca Cola

O grupo de Nigrán, Teatro do Ar, foi recoñecido cunha mención especial nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven que organiza Coca Cola en España. Premíase desta maneira a traxectoria artística dun grupo de rapaces e rapazas que comezaron a soñar co mundo do teatro fai oito anos, cando crearon o seu grupo despois de rematar a súa etapa educativa no colexio Arquitecto Palacios de Panxón.

A obra recoñecida polo xurado do premio foi “Un vals para Cincinnati”. Unha peza escrita polo director do grupo, Pedro Rodríguez, en xaneiro deste mes, e preparada soamente en tres meses, con ensaios telemáticos incluídos, e que conta a historia de Ana (Sheila Figueroa), unha muller nova que leva pechada na súa habitación desde que se foi Jack (Carlos Denis) hai 1 ano e 27 días. Deixouna pola guerra, e ela viuno marchar apoiada na xanela. Con el ían os seus soños de fuxir ao idílico Cincinnati e casar o día de Entroido. Farta de esperar, Ana decide suicidarse xusto o día no que Jack volve.

“Este recoñecemento anímanos a seguir soñando e traballando”, explica o director do grupo. O certo que durante estes últimos dous anos o grupo de Nigrán está facendo unha labor “moi intensa”, con seis obras presentadas. Dende Teatro do Ar tamén queren agradecer o apoio do Concello de Nigrán, do seu alcalde Juan González, de Celso Rodríguez, Belarmino Figueroa…

Este recoñecemento é o segundo que recibe o grupo en menos dun ano. No pasado novembro foron finalistas dos premios Xuventude Crea que organiza a Xunta de Galicia.